ENTREVISTA

Jessyca Ocampo: “Contar unha agresión sexual é unha forma de terapia para moitas mulleres vítimas"

1jes8
photo_camera A fotógrafa Jessyca Ocampo.
O "Mapa do Medo" recolle centos de testimonios sobre mulleres que sufriron acoso sexual pola rúa

Aínda que comezou como un proxecto para clase, "O Mapa do Medo" recolle actualmente centos de testemuñas de mulleres vítimas de agresións e acoso sexual pola rúa. Jessyca Ocampo (Pontevedra, 1997) iniciou a proposta en Santiago a inicios do 2018, pero ante a multitude de historias, o mapa foi ampliándose pola xeografía, ata chegar a cidades de Gran Bretaña e Alemaña. En Ourense rexístranse 15 agresións, polo de agora.

Como xorde “O Mapa do Medo"?

Quería atopar unha forma visual de plasmar a violencia de xénero nas rúas para visibilizar este problema. En Brasil hai unha iniciativa similar, "Mapas do Brasil", e serviume de inspiración. O mapa permite que te movas polo territorio e que leas as diversas historias.

Iniciou o proxecto en Santiago, pero multiplicouse.

Non esperaba para nada a repercusión. Ao principio faleino entre as miñas amigas e compañeiras e logo movino polas redes. Cando comezaron a chegarme tantas historias de agresións en distintos lugares pensei que tiña que representalas tamén e abrín o mapa. Ao final non é algo que só pase en Santiago, está moi xeralizado en todo o mundo, desgraciadamente.

Pero aínda hai que visibilizala.

Si, claro. Moita xente díxome, despois de iniciar o proxecto, que nunca me decatara do que estaba facendo. Esta é unha forma de velo doutra forma, de decatarse de como se sente a outra persoa. Eu creo que todo pode evolucionar e cambiar, pero é unha cousa moi longa.

O número de testemuñas segue aumentando. En Ourense chegan ás 15. 

Si, segue crecendo. É certo que xa non está tan en auxe como ao principio, pero as mulleres seguen engandido as súas agresións. Por desgracia, é unha realidade que segue pasando. E a de historias que non están rexistradas.

Cales son as idades das mulleres que comparten as súas historias?

Non pido que me indiquen a idade, pero pola xente que me fala, diría que mulleres de entre 20 e 30 anos, pero tamén as hai máis maiores e máis pequenas. 

Contalo é unha liberación.

Gardamos esas historias porque nos da cousa volver a recordalo, porque sintes vergonza... Iso é terrible. Moitas rapazas dixéronme que foi como unha terapia, porque ao mellor pasoulles algo que nunca lle contaron a ninguén, nin as nais. É certo que se sinten a salvo porque saben que é anónimo, e que eu tamén teño a miña historia. É un pasiño máis.

Cara onde evoluciona o proxecto?

Polo momento estamos engadindo os asasinatos machistas dende o 2015 a nivel nacional. Iremos pouco a pouco, porque son moitas en toda España.

Te puede interesar