ENTREVISTA

José Luis Gavilanes: “Corenta anos son suficientes e penso que será o meu último mandato"

alcalde
photo_camera José Luis Gavilanes Losada, alcalde de Xunqueira de Ambía.

O alcalde de Xunqueira de Ambía, é un dos históricos da política municipal ourensana. Achegouse a ese mundo en 1979, cando só contaba con 25 anos, animado por Eulogio Gómez Franqueira, "que me engatusou"

José Luis Gavilanes, alcalde de Xunqueira de Ambía, é un dos históricos da política municipal ourensana. Achegouse a ese mundo en 1979, cando só contaba con 25 anos, animado por Eulogio Gómez Franqueira, "que me engatusou". Eran as primeiras eleccións municipais da democracia e Franqueira pediulle que fixera unha lista para o Concello de Xunqueira. Una vez elaborada "decidiron que fora eu quen a encabezara e aí nos lanzamos á piscina", conseguindo a maioría absoluta nas filas da UCD. Despois virían outras nove convocatorias electorais, desde siglas como Coalición Galega, Centristas de Galicia e Partido Popular, e en todas acadou a maioría absoluta, as últimas, no pasado mes de maio, en que a candidatura que encabezaba sacou seis dos nove concelleiros que compoñen a Corporación municipal. 

Que move a un a asumir a responsabilidade dunha alcaldía durante 36 anos seguidos?
A primeira vez vas con absoluto descoñecemento, pero era o momento en que se saía dunha dictadura, entrabamos na democracia, eras xoven a tes inquietudes. Pouco a pouco vaite enganchando e despois sínteste capaz de facer cousas polos demais e iso anímate a pensar que podes ser útil á xente desde este posto. O que nunca me prantexei foi vivir da política ou ser un político profesional. Foi unha das sabias frases que me dixo don Eulogio: 'rapaz, vas á política, pero ten presente que da política non se vive'. Tiven moitos ofrecementos ao longo da miña vida para dar ese salto, pero nunca me motivou apartarme do meu traballo e da miña profesión.

Máis de 36 anos despois, ten data para deixalo?
Cando acabe este mandato serán 40 anos e creo que despois de dez maiorías absolutas, entendo que son suficientes. Ás veces as circunstancias da vida cambian as cousas, pero entendo que 40 anos son suficientes. Por moitos motivos, porque hai que darlle paso a outra xente e porque tamén hai moitas horas que che pide a política e que lle restas á familia, que foi a gran sacrificada en todos estes anos. Creo que é o momento de apartarse e salvo causas de forza maior, este será o meu último mandato.

Nestas casi catro décadas, cal foi o logro do que se sinte mais satisfeito?
O que mais ilusión me fixo nestes anos foi recuperar a escolarización dos rapaces en Xunqueira de Ambía. Cando cheguei, o 60% do alumnado ía a Baños de Molgas e conseguimos recuperar o grupo escolar no ano 81. Foi algo que marcou un fito, pois creo que os rapaces deben educarse no seu entorno.

E que lamenta non ter conseguido en todos estes anos?
Lamento sobre todo que teñamos unha residencia da terceira idade a medio construir e non atopáramos un encaixe para rematala. Intentamos unha iniciativa pública, pero por temas de poboación nunca conseguimos convencer ó Goberno de que a fixera. Acadamos parte da financiación, una veciña cedeu os terreos, están a estrutura e o tellado feitos, pero non a damos encaixado. Este é un dos grandes retos para este mandato.

Este mandato diferenciarase algo dos anteriores ou será unha continuidade do traballo feito ata agora?
En tantos anos pasas por varias etapas. Vas madurando e ves as cousas desde outra perspectiva, pero eu non entendo que vaia ser diferente. Estou ilusionado cos proxectos que temos en marcha e que foron os que me motivaron para abordar un novo mandato.

Cales son eses proxectos prioritarios para estes catro anos?
Primeiro, poñer a residencia en marcha. En segundo lugar, o parque industrial de Casnaloba, ó lado da autovía A-52. Son casi 600.000 metros cadrados, cunha ubicación idónea e para o que temos xa a varias empresas interesadas. Por el pasa o reto de crear emprego. Despois, hai mil cousas que se poden facer. Dúas grandes satisfaccións que tiven nestes anos foron as dúas concentracións parcelarias que se fixeron e o meu desexo é deixar todo o Concello concentrado. Só quedan as parroquias de Almarei e Xunqueira, aínda que non sei se será posible. Despois están tamén os accesos ó pobo, as carreteras do polígono e a de Allariz, que son dous enlaces prioritarios, polos que levamos pelexando desde hai mais de vinte anos e que son outro dos retos que máis nos motivan.

Coa perspectiva da súa experiencia, a caída da poboación é algo irreversible?
Este é o pecado capital de Galicia e de España. Levo denunciando desde hai moitos anos que as administracións, tanto a central como a autonómica, levan atentando contra o rural desde hai máis de 30 anos. Aquí empezamos a concentrar servizos pola randabilidade económica e a xente vaise a onde lle concentran os centros de saúde, os cuarteles, os institutos, os servizos comarcais. De feito, xa se ve que as oito cabeceiras de comarca da provincia son as únicas que manteñen poboación.

As administracións estivéronlle poñendo o indicador á xente para que se marchara e un concello ten moi pouco que facer neste loita. Nos temos un plan para rehabilitar unha media de 14 vivendas no casco vello e faremos oito vivendas de protección. O polígono industrial é outra grande posibilidade que temos, pois desde Vigo ata o límite da provincia no hai ningún, agás o da Cañiza, con acceso directo desde a A-52. Todo esto, xunto coas augas termais, a potenciación do Camiño de Santiago e un casco urbano moi ben coidado poden ser un complemento moi axeitado, pero a loita contra a despoboación ten que vir desde arriba, desde o Ministerio, a Xunta e a propia Deputación. Non valen outras zarandajas.

Cre na fusión dos concellos como solución?
Eu son partidario da fusión de servizos. Hai moitas fórmulas para abaratar os custos e a primeira é ser xenerosos todos e empezar por estar dispostos a privatizar unha serie de servizos. Por exemplo, un secretario podería levar perfectamente dous  ou tres concellos, un equipo multidisciplinar pode levar perfectamente a contabilidade de tres ou catro concellos; a recollida do lixo, a xestión das augas, o mantemento do alumeado, o mantemento das estradas, pódense abaratar. Desde a Xunta se prima que haxa proxectos en común, pero deberían ir mais alá e, xunto ca Deputación, debían priorizar aqueles concellos capaces de ter inquedanzas comúns e de dar solucións comúns. Unha vez que os servizos estén fusionados e se vexa como funcionan, probablemente a fusión sería o seguinte paso.

Te puede interesar