ELECCIONES MUNICIPALES

José Luis González: "Somos un centro de atracción e é esencial ter máis infraestruturas"

Enfróntase ao reto de substituír a Rafa Villarino coas siglas do PSOE

José Luis González (49 anos), técnico de electrónica, é de Amoeiro "de toda a vida", naceu no núcleo de Afonsín, casou en Fontefría e agora ostenta o cargo de alcalde tras catro anos de concelleiro."Ser concelleiro non é como ser alcalde, pero eu xa cambiei o chip", di, tras confesar que case non tivo tempo de facer a campaña pola súa adaptación á Alcaldía. Pero presume dunha "lista gañadora", tamén entre os suplentes: "Estanme levando en volandas".

Como foi a xestión estes anos?

Estivemos coas mans atadas. O Goberno era de cor azul, a Xunta era de cor azul e a Deputación, tamén. Os de roxo e non tiñamos fondos para facer proxectos. Subvencións, as mínimas, e aínda así fíxose moito.

Cambiou moito o concello?

Amoeiro nunca tivo luces LED e só faltan 2.500 puntos por instalar. Que concello ten case 100% LED hoxe? Hai internet en todos os locais públicos, que non o hai na cidade, actividades para maiores en cada parroquia, deuse un lavado de cara ás prazas dos núcleos, no que queremos seguir, sempre coa opinión dos veciños... Imos intentar ter o campamento de verán gratis, que se fixo por primeira vez o ano pasado e foi un bum. Tróuxose a recadación; hai un servizo catastral unha vez á semana; chegamos á débeda cero...

Que obxectivos se marca?

Adquirimos o compromiso do Ministerio de Sanidad para facer unha residencia de terceira idade e un centro de día, cun investimento de 1,5 millóns. Tamén temos o compromiso de poñer herba artificial no campo de fútbol, por 400.000 euros, co Goberno central. É un dos poucos campos con tres equipos e que ten terra. O obxectivo tamén é impulsar o turismo, coa restauración de muíños no Barbantiño, que xa está aprobado. Hai moitos lugares que podemos aproveitar. Outra reivindicación é obter o enlace da AG-53 desde Maside a Costa de Monte, necesario para unir a autovía co polígono de Vilamarín e mellorar a conexión con Lugo. É esencial

Como espera gañar poboación?

A gardería é esencial,  un servizo co que queremos atraer máis xente nova, como coas vivendas sociais ou un bono de natalidade de 1.000 euros. Crecemos en poboación, pero estamos nun dente de serra, morren dous e cénsanse catro. Estamos preto de Ourense e somos un centro de atracción, pero precisamos eses proxectos para darlle vidilla ao concello. 

Te puede interesar