CULTURA - ENTREVISTA

Juan Luís Saco: “En Ourense, as entidades culturais andan cada unha polo seu lado"

mg_8800s
photo_camera Juan Luís Saco Cid.

A Fundación Otero Pedrayo encara unha nova etapa despois de que o Padroado elixise por unanimade ao catedrático de Latín Juan Luís Saco Cid como o seu novo presidente, substituíndo no cargo ao presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes

Como afronta este novo reto?

Con moita preocupación pero con entusiasmo. Eu teño unha débeda de amizade persoal con el. Son, sempre o digo, alumno de don Ramón Otero Pedrayo no bacharelato e na universidade. Por outro lado, manter a Fundación e traballar por ela é unha obriga de calquera ourensán e calquera galego.

Fala de preocupación. Por que?

Por moitas cousas. Por un lado, polo estado xeral e social que se está palpando por todas partes e, por outro, polos atrancos que hai de entendemento entre todas as institucións que teñen que ver ca cultura. 

Cal é a situación económica da Fundación na actualidade?

Non podo facer unha diagnose exacta porque aínda non teño tódolos datos. Non obstante, a situación non é boa. A Fundación ten que manter o patrimonio de don Ramón: a casa, as fincas, o museo, e realizar unha serie de actividades. Os ingresos son moi poucos e, en cambio, os gastos son moitos. 

Hai débedas?

Non. Bueno, creo eu que as débedas son máis ben no papel; é dicir, débedas reais penso que a Fundación non ten. Os herdeiros testamentarios de Otero Pedrayo, Galaxia e a Fundación Penzol, son cos que mantemos eses débitos.

É preciso máis apoio das administracións públicas?

O apoio nunca chega; é dicir, canto máis apoio haxa, mellor. Os ingresos da casa non son suficientes para mantela. Grazas á Xunta e á Deputación, a actividade pódese manter. Esperamos que ambas institucións manteñan os mesmos niveis de apoio que precisamos. De tódolos xeitos, imos ver se logramos tamén aumentar as aportacións. Temos pensado facer un proxecto para ampliar o abano de posibilidades para achegar recursos.

Cal é a solución?

Poñernos dacordo con todas as institucións que teñen que ver ca cultura. En Ourense, cada unha anda polo seu lado e non hai maneira de poñelas en funcionamento cun obxectivo común. 

Que farán dende a Fundación?

Hai que reformar os estatutos. Facelos máis operativos para que o día a día da Fundación sexa máis áxil. 

Te puede interesar