ENTREVISTA

Juan Rivas: "Os cadros parecen lugares imaxinarios, escenarios teatrais"

Juan Rivas
photo_camera Juan Rivas
O artista é pintor, pero ademais de pinceis, tamén utiliza como ferramenta a cámara de fotos

Juan Rivas (Pontevedra, 1974) é pintor, pero ademais de pinceis, tamén utiliza como ferramenta a cámara de fotos. Primeiro dispara, e despois traslada as imaxes aos lienzos. O Marcos Valcárcel acolle a súa mostra "Luz que nunca se apaga", unha exposición composta por máis de 40 obras pictóricas que recollen paisaxes nocturnas fantasmagóricas e ofrecen ao espectador unha mirada íntima e solitaria. O espazo cultural da cidade manterá a súa exhibición aberta ao público ata o próximo 23 de febreiro.

Cal foi a semente deste proxecto?

O tema comezou coa idea dunha noite escura na que miras a paisaxe a través dunha ventá, ves a luz dunha farola que marca os volúmenes do que ilumina, pero todo é difuso ao seu carón ata que desaparece. É un exemplo do feito de observar, todo vaise facendo difuso arredor do que observas.

As paisaxes semellan perdidas.

É irónico, porque moitos dos puntos de luz están no medio dun camiño por onde non pasa ninguén, é un absurdo. Parecen lugares imaxinarios, teatrais, porque ese foco de luz dalle a teatralidade que hai sobre un escenario.

Tres cadros son ambientados na montaña.

Hai tempo facía a miúdo o traxecto de Maside a Marín, e moitas veces paraba o coche para tirar algunha foto das paisaxes porque me chamaban moito a atención. Eses cadros pertencen a esa serie de imaxes.

É máis difícil pintar a escuridade que a luz?

Non necesariamente. A escuridade ten as súas claves, sobre todo en canto a contrastes, compós a imaxe doutro xeito. No día tes a terra e o horizonte, na noite tes un foco de luz no que concentras a atención. 

Todos os cadros nacen de fotografías.

Si, vou traballando segundo as fotografías que tomo. É bastante complicado pintar ao natural, por iso fago as fotos e tempo despois as que me interesan son o punto de partida dos cadros. Con este traballo empecei en 2015, e finalicei arredor de 2018. 

Te puede interesar