ENTREVISTA / VIDA

O lado ourensán de Anacleto

anacleto3_result
photo_camera Breixo Corral e Pablo Alén.

Breixo Corral e Pablo Alén son dous ourensáns que, xunto con Fernando Navarro, apostaron por levar ao heroe de cómics Anacleto á gran pantalla

"Anacleto: agente secreto" é un dos cómics máis recoñecidos de Manuel Vázquez que agora sae do seu retiro nunha adaptación para a gran pantalla que foi estrenada o pasado venres. Tras ela agóchanse Breixo Corral e Pablo Alén, dous ourensáns que, xunto con Fernando Navarro, souberon tirar o máximo partido a un héroe que retorna xa algo maior, canoso e cun fillo, mantendo aspectos esenciais na vida do axente como a axencia de espías ou o villano Vázquez e todo elo sen perder os mellores toques de humor. Imanol Arias e Quim Gutiérrez son os protagonistas dun filme que conta con outros nomes coñecidos do noso cinema como Carlos Areces, Alexandra Jiménez ou Berto Romero. Pero estes mozos non paran e xa están a traballar nunha nova comedia con Telecinco da que aínda non nos poden desvelar moito.

Que hai na vosa vida no eido audiovisual antes de "Anacleto: agente secreto”?

Pois os dous traballamos en varias series "Los Serrano", "Los hombres de Paco", "El internado"... Ata que decidimos intentar facer algo diferente e probamos sorte ao escribir un guión de cine no que metemos todas as chorradas e gags que a nós nos facían rir pero que non tiñan oco na televisión. E de aí saiu "Tres bodas de más" a nosa primeira película.

Cóntennos... como deu comenzo a aventura de "Anacleto: agente secreto”?

O director de "Tres bodas", Javi Ruiz Caldera, levaba xa un tempo traballando na idea de adaptar os cómics de Vázquez para o cine con outro guionista, Fernando Navarro. Como a nosa experiencia na anterior película fora tan boa e fixeramos moi boas migas convidounos a entrar no proceso e nós estivemos encantado de unirnos. Non era material orixinal noso, como na primeira ocasión, pero aínda así rematamos poñendo moito de nós mesmos neste traballo e non nos podemos quiexar de como saiu todo.

Que se atopa o público na película?

Pois esperamos que a peli sorprenda á xente ao mesmo tempo que consegue que rían e pasen un bo rato. É a historia dun Anacleto maior, canso xa das súas aventuras e a un paso de colgar a pistola e a paxariña (se o Goberno non aumenta a idade de xubilación unha vez máis), pero que se ve obrigado a enfrontarse unha vez máis ao seu gran inimigo, o Malvado Vázquez, cando este fuxe e decide ir a polo fillo de Anacleto, Adolfo, un rapaz fumeta sen moito obxectivo na vida, que pensa que seu pai non é máis ca un paiés que e adica a facer fuets. Esta é a trama que nos serve para facer unha comedia con moita acción e cun conflito xeneracional co que esperamos que a xente se vexa un pouco identificada.

Como foi a rodaxe con actores tan recoñecidos como Imanol Arias e Quim Gutiérres?

Pois os guionistas pouco teñen que facer na rodaxe, a verdade, porque o traballo xa está rematado, pero aínda así a nós gústanos pasar a cotillear un pouco. En canto vimos a Imanol vestido de Anacleto, co smoking, a paxariña e o tupé, entendimos que estábamos en boas mans e que isto ía saír ben. Ese home é todo carisma.

Recén estrenada, como están sendo as primeiras impresións?

Pois as críticas que foron aparecendo de momento foron en xeneral moi boas, e iso sempre alegra e masaxéalle a un o ego, que non ven mal de vez en cando. Iso si, sobre o que nos importa de verdade, que é a resposta do público, non saberemos nada ata o luns despois do estreo, que veremos se a xente a foi ver. E viviremos pegados a twiter para ver se lles gusta.

Que supón para vós esta participación?

Pois a oportunidade de participar noutra película que tal como están as cousas xa é un éxito. Ademais non é unha película calquera, podiamos volver a traballar con Javi, que sempre che da a seguridade de que o filme vai quedar espectacular, podiamos parodiar todas as nosas películas de acción favoritas, podiamos adaptar un cómic que nos encantaba e podiamos ver as nosas liñas ditas por xente como Imanol Arias ou Berto... Vamos, que non podiamos pedir máis.

Cales son os vosos seguintes proxectos?

Estamos a escribir unha nova comedia con Telecinco da que aínda non podemos falar moito... E sempre temos aí na lista de tarefas pendentes o de dar o grande salto a Hollywood, así que a ver se nos poñemos con iso tamén.

Te puede interesar