TESE

O legado de Albino Núñez

Ourense. 06-05-16. Local. Manuela Maseda.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Manuela Maseda Sabucedo.

Manuela Masede presentou na Facultade de Ciencias da Educación do Campus a súa tese sobre a figura de Albino Núñez, mestre republicano referente no panorama educativo da provincia no primeiro terzo do século XX

M anuela Maseda é coordinadora dos equipos de dinamización da lingua galega na provincia aínda que o seu é o ensino. Isto motivouna a recuperar do olvido a figura do ourensán Albino Núñez, mestre republicano que dende moi cedo comprendeu que era urxente facer unha renovación das institucións docentes, da metodoloxía e dos contidos que se traballaban na escola. "Albino avogaba por unha reforma do ensino onde se lle dese prioridade ao neno e se tivera en conta a motivación", explicou. A pretensión do nado na Mezquita era copiar o patrón seguido polas correntes procedentes de Europa con Claparède, Piaget e Decroly como máximos expoñentes. Con todo, nesta loita de modernizar o ensino público non estaba só. Precisamente, no 1930 apareceu a Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense (Ateo), da que Albino foi o primeiro presidente, constituida por outros persoeiros cos que compartía as súas mesmas aspiracións como foi o caso de Luis Soto, algo máis radical.

Maseda presentou a súa tese, "A pedagoxía de Albino Núñez e a renovación escolar do primeiro terzo do século XX en Galicia", na Facultade de Ciencias de Educación do Campus de Ourense, e para a súa elaboración botou man de manuscritos, arquivos e testemuños de exalumnos, dos seus fillos e do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, que era amigo do finado. "Fixen un barrido de tódalas fontes. Incluso cheguei a falar cunha persoa que o coñeceu cando estivo agochado no seu pobo durante os anos da Guerra Civil. Aínda vive, por certo", apuntou.

Tras afondar na súa historia, a doutora define a Albino como unha persoa excepcional, innovadora pero, sobre todo, autodidacta. "No 1923, xa aprobara as oposicións de maxisterio e o primeiro destino coincidiulle co servizo militar". Incorporarase no segundo destino en Amoroce (Celanova) e no 1930 foi para Maceda. "Hai que lembrar que estamos a falar nesta época dunda escola moi tradicionalista; é dicir, basada no autoritarismo e no confesionalismo relixioso", destacou. A isto hai que engadirlle que era unha época no que predominaba o analfabetismo. "Para facernos unha idea, a finais do XIX, só un 58% dos mestres tiñan título profesional polo que se os propios profesores non tiñan esta titulación...". Como resultado, unha poboación cun gran absentismo escolar "onde as nenas ían a traballar na casa e os rapaces eran man de obra. Naquela época tampouco era prioritario ir á escola", engadiu. A pesar deste panorama, a teima de Albino era acometer unha reforma do ensino. "Unha bafarada de aire fresco para o sistema educativo, que a principios de século necesitaba facer moitos e drásticos cambios", explica.

Pero Albino tiña máis facetas, das que Maseda da conta na súa tese. Adicouse a axudar de forma altruista a mestres que querían preparar as oposicións de 1928, grupo que despois sería o núcleo fundador da Ateo. "Esta oposición tivo moita sona porque non se cubriron nin a metade das prazas", indicou.

O estourido da Guerra Civil colleuno en A Coruña e, como a súa figura non estaba ben considerada polo réxime franquista, decidiu vir para A Mezquita. "Polo que me contaba o seu fillo, decidiu agocharse no seu pobo pensando que ninguén se acordaría del pero isto non foi así", destacou. Foi axudado por toda a xente do seu pobo e estivo escondido ata en catro sitios distintos para non acabar nunha cuneta como outros da súa época. "Agochouse na súa casa, nun alpendre, nun touzal e logo nunha reitoral axudado por un cura que velaba por el", engadiu. Albino sufriu nas súas propias carnes a depuración do maxisterio levado a cabo polos militares en xullo do 1936. "Foi excluido do Corpo cando aínda non pasaran dous anos de acadar, e con tan só 32 anos, a integración no Corpo de directores de graduados", explicou.

Durante a posguerra, adicouse a dar clases particulares en Lugo e Ourense. "No 1949 creou o centro de Estudios de Galicia aínda que ata a súa morte vaise adicar ao ensino privado", explicou Manuela Maseda, que cumpre así o seu soño de achegar á sociedad o legado que deixou Albino Núñez. "Moitos mestres e mestras estanlle agradecidos polos seus esforozos e a súa dedicación á formación do profesorado de ensimo primario. Pero mesmo o alumnado de bacharelato que non chegaron a exercer a docencia lémbrano como o mellor profesor que xamais tivo", concluiu.

Te puede interesar