A rúa do Paseo volveu converterse dende o mediodía en punto de partida para a celebración da efeméride adicada este ano a Uxío Novoneyra, e o periódico La Región repartiu gratuitamente un libro biográfico sobre o poeta do Courel

As Letras Galegas inundan a cidade de poesía, cultura e solidariedade

A carpa librería do Concello. (Foto: M.P.)
Partidos políticos, asociacións públicas, sindicatos e diversas institucións sumáronse onte na cidade á celebración do Día das Letras Galegas, unha efeméride cuxos comezos se remontan ao ano 1863, cando Rosalía de Castro publicou na Habana o primeiro exemplar da obra "Cantares Galegos", que marcaría o inicio do "rexurdimento" cultural da lingua.
Un dos actos principais foi a instalación no Paseo dunha carpa literaria onde os ourensáns podían consultar as preto de 250 publicacións que o Concello editou nos últimos anos, e que ían dedde as obras do Festival de Cine, ata os gañadores dos premios Vicente Risco de literatura, e de poesía Cidade de Ourense, sen esquecer os distintos catálogos artísticos do Museo Municipal e do Auditorio, entre os que destacan os libros dedicados a Xaime Quesada.

O Partido Popular non quedou atrás na celebración, xa que xusto en fronte da casa de Ramón Otero Pedrayo, na rúa da Paz, o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, e o presidente da Diputación, José Luis Baltar, presidiron a lectura de varios poemas de autores galegos, principalmente do homenaxeado este ano, Uxío Novoneyra.

A Asociación para a Prevención de Accidentes de Tráfico (PAT) de Ourense aproveitou o día festivo para apostar pola integración social dos distintos colectivos estranxeiros que viven na cidade.Así, baixo o nome de "Integaliza", a entidade organizou no estadio do Couto, un partido de fútbol solidario. A xeito de campionato triangular, participaron equipos formados por xogadores de África, América e Europa.

Asemade, La Región, un ano máis, volveu obsequiar aos seus lectores e subscritores agasallando, de forma gratuíta, un libro biográfico sobre Uxío Novoneyra, o poeta do Courel. A publicación, baixo a autoría de Manuel Amado, recolle a entorna familiar do poeta dende que nace, na aldea de Parada, bautizado baixo o nome de Eugenio Novo Neira.

Te puede interesar