DÍA DAS LETRAS GALEGAS

As letras, mellor en azul e branco

As actividades en Ourense polo Día das Letras Galegas.
photo_camera As actividades en Ourense polo Día das Letras Galegas.

A cidade festexou o Día das Letras Galegas, unha xornada adicada ao escritor galego Antón Fraguas na que os ourensáns gozaron dunha variada oferta cultural. Dende concertos ata pasarrúas ou mercado de libros.

Ourense saiu á rúa onte para festexar o Día das Letras Galegas. Pese ao ceo gris, os cidadáns non quixeron perder a ocasión de gozar da programación cultural da celebración, na que participaron pequenos e maiores durante toda a xornada. 

Nin o vento nin a chuvia impediron que as rúas do centro da cidade amosasen unha intensa actividade dende primeiras horas do día. A apertura dos postos de libros na rúa do Paseo, acompañado do concerto didáctico de Capitán Garfo, "Cociñando música", na sala Valente, marcaron o inicio das Letras. Os máis pequenos aprenderon co musicólogo Saúl System parte da historia da literatura galega, ademais de cantar coas súas orixinais letras. Os libreiros, pola súa parte, gozaron dunha xornada de venta en galego. "Polo momento está chegando xente de todas as idades, axuda que hoxe é festivo e que, polo momento, a chuvia está perdoando", explicaba María Martínez, de A'Nova. "Está funcionando moi ben 'O último barco', de Domingo Villar", comentaban desde o Espazo Lector Nobel. "De Antón Fraguas non hai moito, pero tamén se está vendendo, e entre a literatura infantil están triunfando Os Bolechas", engadían.

O alcalde da cidade, Jesús Vázquez, e a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, protagonizaron un acto na sala Valente, onde recordaron a importancia da fala galega, e animaron a pequenos e maiores a utilizala. A continuación, Carmen Penim e banda ofreceron un concerto no espazo cultural no que repasaron temas tradicionais como "Lela" ou "Ven bailar Carmiña", coreados polo público. A última hora da tarde, a Banda de Gaitas de Forcarei animou aos moitos viandantes que paseaban pola zona vella da cidade a ritmo de muiñeiras e jotas.

Te puede interesar