Aprendendo (ou non), en corentena

Alba Cid | Librarías non son tendas

Alba Cid, no Botánico de Oxford.
photo_camera Alba Cid, no Botánico de Oxford.

"Son fan das relecturas", di a poeta ourensá Alba Cid, lectora do Centre for Galician Studies da Universidade de Oxford. O seu "Atlas" (Galaxia, 2019) é protagonista das lecturas de corentena

Alba Cid (Ourense, 1989) espalla a poesía galega en Oxford, pero o estado de alarma pillouna na terra e co seu libro "Atlas" (Galaxia, 2019) circulando nos recitais de confinamento de Instagram e nos estantes de “recomendados”, non só polo Día do Libro. Licenciada en Filoloxía Galega, Portuguesa e Románica, Cid é a lectora do John Rutherford Centre for Galician Studies, da Universidade de Oxford e investigadora da poesía contemporánea.

Un libro lento

“É un paradoxo a historia de 'Atlas'. Chegou en novembro ás librarías e dende entón a sensación máis fermosa que tiven publicando obra individual era que o libro estaba sendo acompañado, lido”. A mediados de febreiro, a autora soubo que “Atlas” estaba sendo reimprimido, acción que cunha pandemia mundial quedou paralizada.

Aínda que a obra lle trouxo moitas “sorpresas” á autora nestes momentos. “Saíron varios poemas na revista internacional Asymptote e hoxe souben que hai un poema de Atlas finalista no certame 'aRitmar'. E aínda que non fixen vídeos nin directos nas redes sociais, foi curriño ver a poetas recitando a miña obra”. Un repaso ás recomendacións de escritores galegos polo Día do Libro mostra o seu nome.

"Atlas", di esta ourensá, “foi un libro lento, que me acompañou durante moitos anos e fala moito de entusiasmo, é un libro sobre o que é elixible e non no mundo, a memoria do mundo, dos obxectos e tamén das relacións. Ás veces penso que non temos idea de cal é o atlas que nos vai quedar de todo isto, pero é un momento interesante para a lectura. É un tempo curioso”.

Tempo de lecturas antigas

A corentena é para os libros vellos. “O que fixen estes días foi darlle unha oportunidade a eses libros que nos pillan onde nos pilla o confinamento, descubrir o que temos na casa. Son fan das relecturas, é moi reconfortante”. Alba Cid reencontrouse con dous: “Un país mundano”, de John Ashbery, e o volume “Memoria solar”, de Luz Pozo Garza, recentemente falecida.

Conta a poeta ourensá –rindo– que non se interesou “moito” por ver como se está movendo “Atlas”, con só uns meses de vida, durante esta corentena. “Estamos todos un pouco intentando un novo equilibrio, uns novos modos de traballar e tendo o máximo coidado”. 

E sobre o que virá, dubida de “se poderemos ser optimistas a longo prazo, pero a curto prazo hai destellos. Hai moitos xestos e complicidade. A longo prazo contentaríame con que aprendesemos o suficiente para respectar ás persoas traballadoras que nestes momentos seguen a sosternos e para coidar as librarías, que non son tendas. Son espazos de dinamización que estarían hoxe saíndo ao noso paso, na rúa”. Pois iso, feliz Día do Libro con acento ourensán en Oxford.

Te puede interesar