SOCIALISTAS

A lista sanchista aporta cinco delegados ao Congreso Federal do PSOE

Ourense. 27-05-17. Local. Congreso provincial do Psoe.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Imaxe do Congreso provincial do PSOE ourensán.

Os socialistas ourensáns escolloren aos seus nove delegados no Congreso provincial celebrado este sábado 

O PSdeG-PSOE da provincia de Ourense celebrou o Congreso extraordinario co gallo de escoller aos delegados e delegadas que representarán á provincia no vindeiro 39 Congreso Federal en Madrid.

Abriu o congreso provincial, a Secretaria de Organización provincial, María Quintas. Nesta xornada, acreditáronse 91 delegados e delegadas dos 106 posibles, que participaron democraticamente en todos os aspectos que comprendía a orde do día establecida.

A xornada comezou coa escolla da mesa que dirixiu o congreso, de xeito totalmente consensuado, onde se integraron representantes das sensibilidades que acadaron representación. O presidente foi proposto pola candidatura encabezada por Rocío de Frutos e vicepresidencia e secretaría de actas, a proposta da candidatura de Rafael Rodríguez Villarino.

A seguir establecéronse unhas quendas de palabra para que todos os  asistentes que así o desexaran expresasen os seus pareceres sobre a xestión dos órganos federais, dirixidos durante dous anos e medio polo actual Secretario Xeral federal escollido en primarias, Pedro Sánchez e posteriormente pola Xestora que dirixe a organización ata a culminación do Congreso. A continuación tiveron lugar as exposicións sobre as emendas á ponencia-marco que se vai debater en Madrid en xuño, aceptándose a súa proposición para seren debatidas no propio Congreso Federal.

Como remate produciuse a votación das dúas listaxes que onte se presentaron para conformar a lista dos 9 delegados e delegadas que representarán aos socialistas da provincia de Ourense neste vindeiro Congreso Federal. Por unha banda, presentouse unha lista pechada e cremalleira, tal como esixen as normas, por parte dos afíns a Pedro Sánchez, encabezada pola deputada estatal Rocío de Frutos e outra lista, de similares características, con Rafael Rodríguez Villarino, alcalde de Amoeiro, á fronte. O resultado do escrutinio, con 91 votantes acreditados, foi o que segue: a candidatura encabezada por De Frutos obtivo 44 votos e a que liderou Rodríguez Villarino tivo un apoio de 42  votos. Houbo 1 voto nulo e 4 votos en branco. Cos resultados na man, e seguindo as normas establecidas polo Partido Socialista, configurouse unha lista de 9 delegados e delegadas de xeito proporcional en función do voto obtivo neste congresiño. Así pois, a listaxe dos e das representantes do PSOE de Ourense no Congreso Federal serían:

  1. Rocío de Frutos Madrazo
  2. Ángel Barba Alonso
  3. Ofelia Puente Carracedo
  4. Juan Carlos Francisco Rivera
  5. Soraya Martín Barreiro
  6. Rafael Rodríguez Villarino
  7. Elvira Lama Fernéndez
  8. Francisco Fumega Piñeiro
  9. María Jesús Boo Montes

Con esta elección, quinto punto da orde do día do congreso extraordinario provincial, deuse por concluída a xornada na sede dos socialistas ourensáns, destacando o respecto pola toma de decisións dunha organización democrática.

Te puede interesar