ÁREA METROPOLITANA

Loiro recupera a súa memoria creando un museo etnográfico

Manuel Fernández e Xosé Manoel Fírvida. Lorio. Barbadás
photo_camera Manuel Fernández e Xosé Manoel Fírvida, na presentación do museo, onte.

Abrirá o vindeiro sábado e será o segundo espazo museístico deste tipo na provincia de Ourense

Loiro loita por recuperar a súa memoria e abrirá este vindeiro sábado, 1 de decembro, un museo etnográfico no que recolle a historia e os costumes dos seus veciños. Estará ubicado no novo centro social e terá centos de pezas e obxectos aportados polas súas xentes. Haberá máis de 400 fotografías sobre a evolución dos veciños e exposicións sobre profesións, ritos relixiosos, escolas...

A inauguración de "Loiro na memoria" será o sábado ás 16,00 horas e converterase no segundo espazo museístico do Concello de Barbadás, despois do adicado á gaita de fole, inaugurado hai uns meses. Ademais, tamén será "o segundo de carácter etnográfico xeral na provincia, xunto ao de Vilar de Santos", destacou o tenente de alcalde de Barbadás, Xosé Manoel Fírvida, responsable de Turismo e Promoción Económica. O nacionalista Fírvida salientou que o museo será incluido no programa municipal de promoción turística, no que se inclúen os dous museos, roteiros a pé e en bicicleta ou a igrexa de San Martiño de Loiro.

Fírvida sinalou que "o nacemento deste espazo é unha satisfacción grande, encadrado na estratexia tendente a pór en valor os activos patrimoniais, culturais e naturais de Barbadás, no que Loiro ten moito que dicir". Agradeceu o papel de Manuel Fernández, ao que considera "alma mater" do proxecto. O propio Fernández subliñou que "sen as aportacións dos veciños sería imposible que hoxe tivésemos museo". 

Te puede interesar