Luis García Mañá: "Interesábame moito coñecer Taramundi, zona fermosa entre Galicia e Asturias"

Luis García Mañá. MIGUEL ÁNGEL
photo_camera Luis García Mañá. MIGUEL ÁNGEL
Entrevista en profundidade ao xefe superior de Policía de Galicia e escritor

O excomisario xefe da Policía Nacional en Galicia presenta hoxe en Ourense a súa sétima novela, ‘Non é de Taramundi’, un thriller ambientado na fronteira astur-galaica na época en que a España franquista comezaba a facerse sitio no escenario internacional. A presentación do libro será ás 20,00 horas no Liceo.

Cando se sitúa a historia?

Está centrada principalmente no ano 55 do pasado século. É este un momento especial no que España tenta saír da dinámica que traía da guerra e da posguerra. Era un período para que o franquismo amosase a súa potencia: o réxime estaba sacando a cabeza do tobo para situarse no contexto global. Entón, Franco achégase aos EE.UU. e, en consecuencia, negócianse as bases americanas no país e tamén consigue ingresar na ONU e noutras institucións mundiais. Nestes anos son as pequenas cousas, como dicía Serrat na súa canción, as que fan distinto cada momento, cada lugar e cada situación, cousas que acaban por influír no desenlace da novela. Nesas datas, ademais, as mulleres españolas comezan a ter conciencia dos seus dereitos e de que son moito máis que nais ou santas.  Eu nacín no ano 50 e cheguei a vivir esta época, pero non de forma consciente porque aínda era moi neno.

Onde acontece?

Boa parte da novela transcorre no ferrocarril de vía estreita desde Ribadeo ata Vilaoudriz, entre o río Eo e a fronteira con Asturias. Outra parte da trama acontece en Taramundi, unha vila asturiana pegada a Galicia.

Por iso o título?

Meu pai era de Taramundi, así que, en parte, a novela é unha homenaxe á súa memoria. Outra razón que me animou a escribila foi que non existe moita narrativa sobre a zona, á que adicaron máis textos etnográfícos e investigacións antropolóxicas. De neno pasei moitos veráns aí e agora puiden escribir sobre a vila. O que fago na novela é crear unha historia ao pé desas primeiras vivencias, sobre un lugar que tiña pendente de falar. Interesábame coñecer esta zona fermosísima entre Galicia e o Principado de Asturias. Unha terra fermosa pero traballosa, onde se fala un galego interesante na parte asturiana.

Quen é a protagonista?

Unha protagonista que, precisamente, non é de Taramundi. Esta rapaza vai investigar o acontecemento arredor do que xira o tema central da novela: saber que pasara co seu pai, morto aló en circunstancias estrañas.

En que xénero está?

Eu diría que é unha novela de intriga do xénero negro porque busca resolver as incógnitas dunha morte violenta. Máis thriller ca noir, porque, durante as súas pescudas, a rapaza tamén dá a relucir outros segredos.

Te puede interesar