ARTE ET ALIA

Lume!, berra o pintor Alexandro

Estende Alexandro (Ourense, 1945) o seu monólogo temático neoexpresionista dende a ampla sala baixa do ‘Centro Cultural Marcos Valcárcel’ até a sala cero e o colateral hall na mostra máis ampla de cantas ten exhibido aquí

O can entre eucaliptos e grandes xestas.
O can entre eucaliptos e grandes xestas.
Lume!, berra o pintor Alexandro

Pinta Alexandro terras queimadas ourensáns na exposición ‘Lume!’? Non tal dende os seus títulos s/t, e tampouco hai nelas algo topográfico ou espacial que nos remita ás comarcas de Verín e A Gudiña, nas que se inspirou dende a vaga de lumes de 2017, ou as grandes lumes de agosto de 2006 de Pontevedra e A Coruña na que morreron varias persoas. As causas fortuítas e os descoidos das xentes do campo nas queimas, e a acción dos pirómanos, factor este no que se centra o artista. Contra deles está, tomando postura en varias obras.

Estende Alexandro (Ourense, 1945) o seu monólogo temático neoexpresionista dende a ampla sala baixa do ‘Centro Cultural Marcos Valcárcel’ até a sala cero e o colateral hall na mostra máis ampla de cantas ten exhibido aquí, neste edificio-multifunción da Deputación, Comarea en 2008, na que trouxo o arume da súa nova residencia en Muxía, mar, peixes e terra, e a de 2014, compartida con Vidal e Lamazares, con grandes cabezas e escenas coloristas e bucólicas, temática na que abunda en 2015 na principal sala municipal. Nestes anos achegouse ademais á Galería Visol, no que evidencia xogar de local. E no dobre espazo de significado vemos como traballa grandes formatos, como antes fixeran os expresionistas norteamericanos Rothko e Pollock, que teñen obras de tales dimensións que nos abarcan até sentirmos pequenos, e así tamén Barceló. Anselm Kiefer é a principal referencia de Alexandro, un artista alemán do que é coetáneo rigoroso, e co que está vencellado por paralelismos técnicos, e de obras, como a dos troncos das árbores, negro sobre a luz branca, e máis aínda no home deitado na terra baixo o ceo estrelecido, que aquí coloca sobre negras cinzas con unha flor vermella; e tamén como el mestura os pigmentos coa terra denegrida, forma de proceder na que Leopoldo Nóvoa fora un dos primeiros que o fixera entre nós, símbolo da súa dor tralo incendio do atelier parisino, unha praxe convertida en selo persoal. Mais Kiefer gusta de facer partícipes as obras de colaxes e instalacións escultóricas na procura de lecturas simbólicas e filosóficas... Xaime Quessada dixera que en Alexandro ‘a pintura platónica e o amor acaparárano sempre, un precoz militante da inmanencia dos sentidos’, afirmando o profesor de Belas Artes de Pontevedra Antón Castro (Muxía), e comisario da mostra, que o seu signo e identidade é unha ‘metamorfose a sangue e lume’, en palabras do artista Richter a Jonas Storsve. As súas obras convértense nun manifesto, dende as miradas contra das plantacións de eucaliptos e piñeiros, masas forestais para transformacións industriais, nunha mostra que completa con obras de menor tamaño, debuxos e augadas máis pequenas sobre papel, escribindo Alexandro nunha delas “e aghora que queimo”, nunha estética da crueldade, linguaxe plástica coa que lle gustaría axudar no respecto ao monte. Nas pasadas semanas houbo de novo virulentos incendios en Rianxo, Chandrexa de Queixa, Vilariño de Conso, Barco de Valdeorras... A arte como un sismograma do que pasa no noso tempo, como dicía o filósofo Adorno. A soidade do can no claro do bosque.