Luz verde á rehabilitación da nova biblioteca de Esgos

A palleira que se converterá en biblioteca.
photo_camera A palleira que se converterá en biblioteca.
A reconversión dunha palleira do século XVIII custará 200.000 euros

O Concello de Esgos publicou onte a licitación, por unha suma de preto de 200.000 euros, a rehabilitación dunha palleira para empregarse como biblioteca municipal. Estes traballos están cofinanciados entre a Xunta e o Concello, que aportarán 100.000 euros cada un. O prazo de execución para a conversión desta palleira nunha singular biblioteca é de 12 meses. 

O arquitecto ao cargo deste proxecto é César Portela, que readaptará tanto a contorna coma o edificio do século XVIII, situado na rúa Soutueira, na capitalidade de Esgos. Dende o Concello xustifican esta adaptación polas “necesidades de actuacións de carácter sociocultural que permitan unha adecuada oferta para satisfacer as necesidades que nesta materia teñen os veciños dada a insuficiencia do espazo actual na Casa Consistorial onde non hai cabida para todos os usuarios, creando un espazo accesible que fomente o hábito da lectura na poboación”.

Esta licitación chega poucos días despois de que a biblioteca pública xa existente recibira o galardón María Moliner, que premia o traballo de animación á lectura que entrega o Ministerio de Cultura e deporte. Este premio consiste nunha suma de 2.000 euros para a compra de libros e demais material, do que se beneficiarán tódolos usuarios da biblioteca.

Ademais deste proxecto, no Concello estanse desenvolvendo outros proxectos, como o novo velorio público, actuacións na ruta de sendeirismo dos muíños e a vontade de crear un museo interactivo sobre Manuel Blanco Romasanta, “O home lobo de Allariz”, na súa vivenda natal, situada en Esgos.

Te puede interesar