MAGOSTOS

“O magosto non perdeu a súa esencia; é un espazo e lugar para xuntarnos"

FATIMA_result
photo_camera Fátima Braña Rey.

No mes típico para a celebración dos magostos, a profesora de Antropoloxía Social da Universidade de Vigo Fátima Braña fai un repaso a unha das festas máis antigas de Galicia. 

Cal é a orixe do magosto?

O magosto forma parte das festas agropecuarias do calendario anual. Está por tanto vinculada a este tipo de produción. Indica o comezo do tempo frío e dos traballos de inverno no campo. No plano ideolóxico, os magostos relaciónanse coa comunidade dos mortos e vivos. Así, a vinculación da festa co 1 de novembro indica simbólicamente esta relación. O lume e o fume evocan tamén esta relación máis cando se facía nos atrios das igrexas ou mesmo nos cemiterios. Hai quen recolleu a idea de que unha castaña queimada na fogueira representa un alma que se libera do purgatorio. Hai autores que relacionan esta festa coas saturnais romanas e o Samaín da cultura autóctona anterior á romanización. Non obstante, isto depende da persoa que fai a investigación histórica e que non é claramente etnográfica, co que eu non podería facer esta equiparación.

Como evolucionou ata a actualidade?

Coido que a esencia do magosto está nas persoas que o celebran.  Esta festa segue moi viva e activa na nosa comunidade, co que non diría que se perdeu nada. Pero, como dixen, está vinculada á produción da castaña e na nosa sociedade, moito máis urbana que tempo atrás, a festa institucionalízase a partir da organización por parte dos concellos e non tanto polos grupos de veciños. A pesar diso, os magostos en grupos pequenos seguen a celebrarse con intensidade e éxito polo que segue a ser unha festa de reunión e de comunidade.

O magosto segue representando un tempo e espazo para xuntarmos, recoñecermos como parte do grupo e reactivar a nosa cultura a partir das tradicións festivas. Desde este punto de vista, non parece moi interesante a conxelación dos eventos festivos.

Cal é a súa importancia na provincia de Ourense?

O antropólogo Fidaglo Santamariña, que finou hai xa cinco anos, salientaba que o magosto é unha festa que indica os cambios de pertenza a grupos de idade, pois celébranse para nenos, adultos ou xente nova. Fidalgo tamén sinalaba nas súas investigacións na provincia que os magostos indican que os soutos xa están case recollidos polo que se pode ir ao “rebusco”, que significa ir aos soutos a apañar algunha castaña sobrante. Unha cuestión importante é que o tempo da castaña coinicide co primeiro viño novo e, ademais, é a última recolección no calendario agrícola. Na medida en que vivimos nunha sociedade onde o rural e as explotacións agropecuarias son fundamentais así de importante é o magosto, tendo en conta que a produción de castaña en Ourense é importante nas economías rurais.

Cales son os magosto máis populares da provincia?

Se por populares entendemos aqueles que reúnen á máis xente poderíamos dicir que os institucionais organizados polos concellos máis grandes como é Ourense. Ademais, aquí está declarada como Festa de Interese Turístico desde o 2008, algo que non se fixo noutras cidades.Se pola contra entendemos aqueles que máis persoas realizan, poderemos dicir que na provincia quen máis e quen menos foi convocado para unha xuntanza que ten como centro asar castañas. 

Te puede interesar