Os Maios cántanlle a Jácome: “É triste que non os convoque"

A iniciativa cidadá actúa un ano máis ante a inoperancia do Concello e invita a expor as creacións na rúa

Os veciños de Ourense sacarán os maios á rúa o próximo 2 de maio, pola súa conta, ante a inoperancia do Concello de Ourense que non convoca este ano una das festas declaradas de Interese Turístico de Ourense e que o ano pasado non puido festexarse polo confinamento. Non hai escusa: así o entenden os organizadores de "Cantádeme un maio", a iniciativa popular e virtual que naceu en 2020 para suplir a ausencia destas construcións vexetais engalanando as rúas e os rapaces e maiores cantándolle coplas ao político de turno. Nos momentos máis duros da pandemia, os fieis dos maios fixeron esforzos por manter viva a tradición. Esta edición, con prudencia, néganse a que festa–que cumpre vinte anos desde que o Concello de Ourense solicitase a declaración de Interese Turístico–quede sen celebrar pola decisión do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome. 

“É unha irresponsabilidade"

"Contabamos estar na festa convocada polo Concello de Ourense, que é quen tomou a iniciativa hai 100 anos de festexar un dos ciclos de interese turístico de Ourense e un dos máis arraigados no ADN dos ourensáns. O ano pasado era unha situación distinta, un confinamento. Agora facemos un chamamento a celebrar os Maios ante a ausencia e a indiferencia dun Concello de Ourense que nos deixa sorprendidos", di Lois Pardo, un dos organizadores de "Cantádeme un maio". Lembran desde esta iniciativa que nesa edición se cumpren os 20 anos desde que "este mesmo Concello" solicitase o expediente para declarar os Maios como Festa de Interese Turístico e se lle outorgou a distinción. "O mesmo Concello négase agora a celebrala festa. É moi triste e irresponsable total renunciar a convocar os maios, desde o punto de vista patromonial e cultural", engade Pardo, que invita os ourensáns a elaborar as súas coplas e construcións vexetais para expoñelas na rúa, con prudencia, durante un espazo de tempo e que non interfira no paso de peons", explican dende a organización. "Onde haxa unha praza, que haxa un maio", invitan aos ourensáns. 

O alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, referiuse esta semana aos Maios–que xa deu por cancelados hai meses–, para dicir que "no vemos mal la idea, si alguien quiere hacerlos y exponerlos en la calle, que contacten con el Concello". Con todo, o rexedor non propón alternativas dende o seu migrogoberno e limítase a anunciar que "las grandes fiestas masivas serán las del San Martiño". Celebraranse o 2 de maio. 


Un maio por cada praza da cidade, por tempo limitado e tamén en internet

"Cantádeme un Maio" invita a compoñer maios e coplas, enchendo de novo as redes sociais de videos e fotografías, pero tamén as prazas. A idea é de que non haxa máis dun maio en cada praza da cidade o próximo 2 de maio e se garantan as condicións de seguridade ante a pandemia, así como un tempo límite para colocar o maio. "Non entendemos que facer un Maio sexa unha actividade de risco se mantemos as medidas necesarias, e consideramos que hai alternativas á tradicional exposición dos Maios na rúa do Paseo ou na Alameda para evitar a congregación masiva de xente", explican desde a iniciativa. Ademais, entenden como motivos para celebrar a festa este ano o aniversario dos vinte anos desde que se solicitou que fosen festa de Interese Turístico.

“A contracorrente"

"Mentres a UNESCO, a través do Foro de Ministros de Cultura, manifesta que o feche dos sitios do patrimonio e a infraestrutura cultural, a cancelación ou o aprazamento de eventos e a interrupción da produción cultural terán importantes repercusións económicas e sociais animando a procurar alternativas, o Concello de Ourense semella ir a contracorrente de todo o planeta, fechando, cancelando e mesmo menosprezando os distintos espazos culturais que conformaron ao longo da historia a cidade de Ourense que somos hoxe", critican desde a iniciativa Cántademe un Maio. n

Te puede interesar