Natalia González: "Se mañá hai unha alcaldesa na cidade de Ourense, terá que ser do PSOE"

Natalia González. (ÓSCAR PINAL)
photo_camera Natalia González. (ÓSCAR PINAL)

Natalia González Beneitez, secretaria xeral do PSOE de Ourense

O PSOE de Ourense celebra hoxe a súa primeira asemblea local tras tres anos sen citarse coa súa militancia. O acto celebrarase ás 19,30 e ás 20,00  horas (xa que haberá dúas quendas) na sala azul do Auditorio. Un dos obxectivos da nova secretaria xeral do partido na cidade, Natalia González, consiste en “recuperar a normalidade e a participación da militancia”.

Na súa campaña á secretaría xeral, manifestou que a militancia estaba “secuestrada”, é esta a forma de recuperala?

Creo que esta asemblea é importante por dúas cousas: por unha banda, porque se lle devolve a voz á militancia xa que hai tres anos que non se convoca unha asemblea ordinaria. Para nós esta é unha das claves, porque queremos normalizar a situación da agrupación e que os militantes recuperen o seu papel. Á marxe das circunstancias, a súa participación neste periodo foi inexistente. Era imprescindible e fíxose nun tempo récord. 

Cales serán as liñas mestras da reunión?

O máis relevante será a parte do informe político que elaboremos dende a secretaría xeral, no que analizaremos o traballo dos tres meses que levamos no cargo, a situación da cidade e logo tamén poremos deberes e retos de futuro, no que o principal obxectivo é recuperar a alcaldía de Ourense.

Barállase un cambio de voceiro no Concello?

Devolver a normalidade é que o partido estea forte e unido. Todos xuntos sen fixuras. Temos que deixar de lado estes debates que non lle interesan á cidadanía para centrarnos nos problemas reais. Queremos chegar a 2023 cos mellores e lograr ese obxectivo. Decidirémolo entre todos cando toque. Non é algo prioritario.

Gustaríalle que houbese só unha candidatura de cara a escoller candidato para as municipais?

Non o sei. Prefiro falar de modelos antes ca de candidaturas. Pode haber modelos distintos, e o importante é que a militancia elixa o mellor modelo e a mellor candidatura que poida aspirar aos mellores resultados para o partido e poder gobernar esta cidade.

Pensa en liderar unha desas candidaturas?

Aínda non o teño decidido, son bastante prudente agora mesmo. O meu reto persoal era ser a secretaria xeral, que xa é un orgullo para min. É certo que tradicionalmente o secretario xeral foi o candidato, pero é algo que teño que estudar. O que podo dicir é que a única saída que ten Ourense pasa polo PSOE e iso ten que estar á marxe de persoalismos. O que tamén se pode dicir é que, se mañá hai unha alcaldesa na cidade de Ourense, terá que ser do PSOE. E máis vendo o panorama de cara a 2023.

Unha vez cheguemos a 2023 e pasen as eleccións, podería haber un pacto cos actuais membros do goberno?

Levamos loitando tres anos para acabar co pacto letal de Jácome e o PP e non fomos quen de conseguilo. A alternativa en 2023 temos que loitar por ser nós, e está claro que os causantes do problema non poden formar parte da solución. Por iso, a mellor opción é unha alternativa de esquerdas, que xestionou o Concello doutra maneira.

Te puede interesar