Manuel Baltar: "Feijóo ten batería de sobra para unha quinta lexislatura, elixiu Galicia"

O presidente do PP Ourensán analiza os resultados electorais co cuarto triunfo de Feijóo, o auxe do BNG e o liderado en 85 de 92 concellos da provincia

Manuel Baltar, presidente do PP ourensán, analiza os resultados electorais co cuarto triunfo de Feijóo, o auxe do BNG e o liderado en 85 de 92 concellos da provincia. 

Outra maioría absoluta do PP. Cal foi a clave dos resultados?

O candidato. No momento máis dramático da pandemia axigantouse o seu liderado, é un argumento de peso. E sendo de Ourense.

En Ourense repite o 53% do 2016 e perde un escano. Sabor agridoce?

Foi pola lei D'Hondt, pero non pasa nada. Máis non se pode pedir. 

Na cidade médrase 2,6 puntos. Reforza isto a coalición con Jácome? Atraeu o PP votantes de DO? 

Si, pero creo que o pacto con DO xa superou as eleccións xerais. O que vemos é que con ese resultado o PP tería maioría absoluta na cidade e que grazas a ese pacto, dispoñer da Deputación, se están facendo cousas. Non contaminou a campaña, aínda que algúns se afanaron en facelo. Esa valla indignante e o responsable socialista da provincia que o día de reflexión se adicou a pedir o voto, o buzoneo coa foto do presidente e do alcalde. Foi un xogo sucio, pero ao final falaron os ourensáns. 

Que futuro augura a Villarino?

Ogallá siga sendo por moito tempo o máximo responsable socialista na provincia. Non podiamos ter encontrado unha persoa para fundir a súa formación mellor ca el. É un caso único en Europa, un suxeito autrodestrutivo. Ten o que merece.

Caballero debe dimitir?

Farano dimitir. Haberá que falar co seu tío que é quen ten peso dentro do socialismo galego.

Que opina do auxe do BNG e do traballo feito por Ana Pontón?

Coñézoa de cando empezou no Parlamento, leva 19 anos na política. Do mesmo xeito que o Bloque se resentiu da aparición de forzas como Podemos e as Mareas, agora beneficiouse da decadencia destas e da febleza do PSOE. O votante de esquerdas tíñao fácil, se tiña que elixir, tiña que votar ao Bloque. É unha votación de aluvión, non necesariamente nacionalista. A imaxe que se presentou en campaña era de maior seriedade que a de Casal ou Caballero, pero teñen que dixerir o resultado e non morrer de éxito.

Refórzase o autogoberno de Galicia co PP e o BNG, cada un no seu sitio? Que non entrase Vox, reforza esa imaxe de galeguismo?

Absolutamente. Vir como veu Vox a Xinzo a insultar a Castelao! E o discurso de Cidadáns. O PP galego non quixo ningún tipo de coalición porque nada aportan a unha Galicia con identidade propia. Ese galeguismo está presente na nosa acción política e que o Bloque supoña unha aposta polo nacionalismo e a identidade é bo. Todo o que signifique singularizar a Galicia no contexto nacional e europeo, sen ter en conta claves rupturistas como o independentismo–creo que xa suavizaron algo esa mensaxe–, vai na liña dos tempos actuais. Ese poso identitario é máis necesario ca nunca.

Que proxectos lle esperan a Ourense con Feijóo no goberno? 

Imos rematar en meses o Centro Galego da FP. O parque acuático de Monterrei vai ser importante. A alta velocidade. O Xacobeo. Ubicar no antigo psiquiátrico de Toén un centro de referencia de formación de prevención de incendios. E ese edificio de hospitalización que fará unha sanidade de primeira. 

Preocupa o atraso nalgún dos prazos pola pandemia?

Todo se resentiu, pero houbo unha pandemia política que goberna en Madrid que fixo que non puideramos neste ano–e vai ser moi difícil no Xacobeo– ter a alta velocidade.

Feijóo ten dito que este é o último mandato. Cre que será así?

Escoitelle: "Creo que será mi última legislatura". Penso que ten batería de sobra para encarar unha quinta lexislatura.

Non o ve substituto de Casado?

Non o vexo.  Tivo a oportunidade de liderar o PP nacional. A ninguén se lle escapa que sería elixido de forma unánime e sería o presidente do Goberno. Pero elixiu Galicia.

Hai canteira no PP galego se non encara esa quinta lexislatura?

Sempre hai. O PP galego é unha maquinaria que camiña á perfección. Non un experimento nin unha operación de mercadotecnia. 

Que sería do PP galego sen o votante ourensán?

Galicia sen Ourense non é Galicia. A nosa aportación sempre está aí, nunca falla. Non é fácil superar un 50%, que llo pregunten aos que non chegan nunca ao 30%. Galicia non se entende sen Ourense.

A loita do paridoiro, que vostede apoiou, pasoulle factura a Feijóo? En Verín o PP perde 12 puntos.

Pode ser que algún descenso se producira pero gañamos en 21 mesas. Puido ter algunha incidencia, pero non a que algúns pensaban. 

Nin un toque de atención?

Chama a atención, pero non era o que prevían algúns. 

Moitas familias pasan unha situación difícil tras o covid. Que pide Ourense a Feijóo nesta liña?

Seremos a Deputación máis social da historia, pensando en clave emprego. A liña é ter unha sanidade de primeira como a que temos, potenciar os hospitais comarcais. E pensar en clave talento co Centro de FP e a potenciación do Campus.

Pódense pedir titulacións para o Campus, o eterno olvidado?

Cecais estes catro anos sexan os de darlle contido ao Campus da Auga e que a aposta termal cristalice, que teñamos ese hotel balneario. Coa chegada da alta velocidade terá que ter o termalismo esencia per sé.

Como van os prazos? Cando terá Ourense hotel-balneario?

Estamos facendo a prospección definitiva que nos vai dicir se hai caudal suficiente para unha instalación termal. Creo que o teremos en meses, antes de final de ano. A pandemia atrasou ese traballo pero a decisión é a mesma e as cadeas hoteleiras máis importantes do mundo xa se puxeron en contacto coa Deputación, desde o grupo Aman a outros que saben que estamos a falar do territorio con maior potencial termal de Europa.  Sería unha gran satisfacción que estivera na Deputación. Pode ser real en pouco tempo.

E a Deputación? Xa teñen sitio?

Estamos mirando alternativas na cidade e en concellos limítrofes. 

Poderiamos ter un Pazo Provincial fóra da cidade?

Si, valorámolo seriamente. Ata se pode pensar no mosteiro de Oseira, propiedade da Deputación. O máis importante é que teñamos o Gran hotel balnerario no Pazo Provincial.

É o proxecto que máis urxe?

É o que fai que descendamos a realidade dos discursos grandilocuentes do termalismo para que a xente poida ver que existen balnearios na provincia e que milleiros de persoas veñen a desfrutar deles.

A cidadanía está cansa de cinco eleccions en dous anos? É tempo de reflexión para a política, para o partido?

Están cansos de que non haxa acordos. Sánchez puido pactar con Podemos, non o fixo, volveu convocar eleccións e pactou. Iso fai dano. A chamada ten que ser aos políticos para que fagan política. "Me reúno contigo, me olvido de todo lo anterior y nacemos". Foi un pouco o que fixemos con DO en cuestión de minutos, sen escusas. Hai que ir á obrigación do voto. Teríamos que estar votando xa co móbil, poderíase innovar neste senso. 

Te puede interesar