RECONOCIMIENTO

Buciños e Manzano, recoñecemento a "clásicos da arte con maiúsculas"

Os escultores recibiron na Casa-Museo do escritor ourensán un galardón acordado, por primeira vez, por unanimidade

"É unha honra recibir este galardón na casa de Don Ramón", coinciden os escultores ourensáns Acisclo Manzano e Manuel Buciños. No fogar que acolleu as conversas entre os "artistiñas", agora Casa-Museo Otero Pedrayo, entregouse onte o premio "Otero Pedrayo 2016", que, por primeira vez, se concede ex aequo a dúas figuras ca unanimidade do xurado.

Case fuxindo da palabra e do atril, os escultores non puideron evitar emocionarse ao recoller este recoñecemento nun lugar tan simbólico para eles. Parte da culpa tena Juan Luís Saco Cid, o novo presidente da Fundación Otero Pedrayo, que apostou porque a entrega deste galardón que leva o WhatsApp Image 2017-10-24 at 12.35.59_resultnome do escritor ourensán se realizase na súa casa de Trasalba. 

Na liña do "pulo renovador" do galardón tamén se manifestou Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense: "O premio necesita por parte das deputacións convocantes e da Xunta un esforzo común para adecualo aos tempos que nos toca afrontar". Tamén sinalou a Manzano e Buciños coma "dous clásicos da arte con maiúsculas, que transcenden modas, movementos e vangardas".

O que segue intacto a piques de cumprirse a 40 edición do premio é o obxectivo: "Distinguir a unha personalidade ou colectivo que, no fecundo ronsel de Ramón Otero Pedrayo, contribuíse a impulsar a identidade do noso pobo, de dentro e de fóra da Galicia territorial".

Esa honra foi onte para dous amigos escultores, cuxa relación fixo máis especial a entrega do premio. Compartiron taller, viaxes e conversas durante moitos anos: "Eu tallaba un Cristo pola esquerda e Buciños pola dereita", conta Manzano, que durante a súa intervención quixo recordar a impronta de "Don Ramón". "Seguiremos a traballar con toda a ilusión pola nosa Galicia", asegurou.

Buciños, aínda máis emocionado, fixo mención á beca que lle deu a Deputación fai 65 anos, tras estudar Belas Artes e poder ir a Madrid a formarse. Precisamente de Buciños, daquela pequena aldea lucense da que saíu para ser escultor, adoptou o seu nome artístico. A conexión con Ourense veu un pouco máis tarde, ata que a maior parte da súa obra se atopa en Auria.

Da laudatio dos premiados encargouse a catedrática María Victoria Carballo Calero, que destacou a contribución de Manuel Buciños e Acisclo Manzano á cultura galega, situándoos entre os "grandes nomes" da escultura dos 60 e figuras representativas do Ourense cultural de Vicente Risco e Otero Pedrayo. 

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, entregou o premio e situou a homenaxe máis aló: "Estase honrando aos artistiñas a través da figura destes dous escultores. Un grupo que sacou ao mundo artístico do anquilosamento".

A unión dos “Artistiñas"

Os dous amigos que onte se xuntaron na casa doutro íntimo, acumulan diversos homenaxes durante a súa traxectoria. Buciños e Manzano coinciden en que este é "especial", por levar o nome de "Don Ramón", como chamaban os seus coñecidos ao escritor ourensán. O monumento en bronce a Otero Pedrayo, na praza do Correxidor e varias obras públicas grandes, feitas por Buciños e Manzano respectivamente, captaron a mensaxe de Otero Pedrayo. 

E aínda que os escultores coincidan en que "o seu" non é a palabra, ninguén duda hoxe da poesía agochada nas súas esculturas. 

Te puede interesar