Manuel Buciños: “Ourense hoxe é imposible”

Un dos últimos “artistiñas” convive coa obra que ninguén lle reclama: a escultura homenaxe ao seu amigo Casares espera atención do Concello de Ourense. 

Alí onde o tráfico torna en silencio e a estrada en camiño estreito, Manuel “Buciños” (Carballedo, Lugo, 1938) rebélase coma unha especie en extinción. É un dos últimos “artistiñas” que Vicente Risco bautizara noutro Ourense, aquel que foi Atenas de Galicia. O escultor non quere saber moito da cidade, que ten preto, pero sente lonxe. “Casares e máis eu vivimos un Ourense que hoxe é imposible. Aquela Atenas de Galicia, chea de artistas, conferencias, exposicións… Era un Ourense moi vivo”. 

Por moi tolo que pareza, conta a historia mirando aos ollos ao amigo que perdeu hai vinte anos. “Marchou moi novo”. Ata lle fai algún xesto coa cella buscando quen sabe que resposta. Buciños e Carlos Casares conversan cada tarde na casa do escultor. Ao artista non lle importa demasiado se o Concello de Ourense non chama e desatende os encargos como desatende a cultura: a homenaxe ao autor de “Vento ferido”, unha escultura a tamaño natural creada por Buciños, está preparada para mudarse a un emprazamento público, quizais a rúa do Paseo, nun banco onde os ourensáns tamén poidan agarimar a Casares. O 9 de marzo cúmprense dúas décadas do falecemento do escritor: “Sería bo momento para colocala, pero non sei nada do Concello. Eu estou encantado con ela aquí, porque me sento ao seu lado e recordamos cousas. Se non a queren, quedo con ela para sempre. Non a fixen por cartos, fíxeno por el”. 

Buciños, que ten obra espallada por todo o mundo, desfruta das pezas máis íntimas. Casares é unha excepción. “Facer unha obra pública cústame moito, estamos cheos de fallas. A xente quere cousas raras, grandes, chamar a atención… Cousas que non se entenden. Eu son galego e traballo para Galicia”. 

Centos de figuras humanas, o sinal de identidade de Buciños, conviven no taller do artista. “Agora estou con isto. É un proxecto que me apetece moito, unha homenaxe a Galicia. É un mapa no que das catro provincias saen catro figuras suxeitando a bandeira galega”, relata mentres amosa a peza de cera, unha obra pequena. “Apetecíame, porque me gustan as cousas libres, facer o que queira. Son uns rapaces alegres levantando a nosa bandeira de Galicia”.

Por riba da mesa está o bosquexo do monumento que fixo a Alexandre Bóveda na rúa da Barreira. “Escollín unha árbore porque Bóveda estaba moi pegado á terra, era moi galego. Pero os vándalos leváronlle as follas, que era un símbolo, era o corte de mangas que lle facía el aos que o asasinaron. Supoño que o que fixo isto non sabe nin o que é. Fodeume que lle quitaran as follas, pero máis me fodeu que o Concello nin me chamou”. Conta Buciños que a súa escultura son figuras humanas porque “é a linguaxe máis clara para dicir o que queres, e a escultura é quen ten que falar”. Tamén hai excepcións. Hoxe fala o artista.

Te puede interesar