ENTREVISTA, NUEVOS RETOS EN LOS CONCELLOS

Manuel Fernández: “A conexión entre o polígono e a A-52 pode estar operativa a mediados do 2019"

Manuel Martínez
photo_camera Manuel Pedro Fernández Moreiras.

O alcalde de San Cibrao das Viñas considera o concello industrial por excelencia da provincia, o seu gran problema é tamén o paro.

Manuel Pedro Fernández Moreiras chegou á alcaldía de San Cibrao das Viñas no ano 2011, en plena crise económica o substituíndo á fronte do consistorio a Elisa Nogueira, unha histórica do Partido Popular e emblema do municipalismo provincial das últimas décadas. Fernández Moreiras considera que San Cibrao capeou con éxito a crise, pero pese a ser o concello industrial por excelencia da provincia, o seu gran problema é tamén o paro.

¿Que balance fai dese primeiro mandato á fronte da alcaldía?
Non foi das épocas de máis bonanza, pois soportabamos a crise, pero axustáronse os custos de gastos do Concello e a xestión coido que foi positiva, pois permitiunos afrontar novas infraestructuras e mellorar  os servizos.

San Cibrao é un dos poucos concellos que gaña poboación, o cal é unha garantía de futuro.
Si, seguimos aumentando poboación. A mediados de 2014 superamos os 5.000 habitantes. Resistimos en parte a crise demográfica, aínda que tamén nos afectou, porque no Concello temos un montón de urbanizacións e edificios de vivendas que están a medio construir e iso notouse na evolución da poboación.


Cales son vas vantaxes de ser o gran concello industrial da provincia?
As vantaxes son moitas, pois as empresas pagan aquí os seus tributos e xeneran riqueza para o Concello.Tamén xenera moito movemento de vehículos e persoas, que repercute nos distintos negocios, deixando riqueza en San Cibrao.

E cales son os inconvenientes?
Pois hai que manter os servizos dentro dos polígonos. Son servizos que case se autofinancian, pero temos déficit nalgúns, como a recollida de lixo, a depuración de augas, o alumeado público. Pero aínda así, sempre é positivo que haxa industria aquí.

Cal é o principal problema que ten San Cibrao das Viñas?
O problema máis importante que sufre San Cibrao é que temos 370 parados. Somos un concello industrial, pero cando as empresas teñen demanda para os seus productos, absorven persoal e cando a facturación baixa, prescinden de persoal e unha parte deste persoal é de San Cibrao.

A conexión do polígono ca autovía A-52 comeza a ter visos de ser unha realidade?
Tiven hai pouco unha xuntanza ca conselleira e a intención dela é comezar a construcción a principios de 2017, co que é moi posible que a mediados do 2019 esta infraestructura estea operativa.

Os verquidos son outra fonte continua de disgustos para o Concello. Están en marcha solucións definitivas?
Unha solución para os verquidos en San Cibrao no río Barbaña, nos meses de verán, é algo que os técnicos a terán que estudar moito, pero que non se lle ve un punto final. Nos meses de xullo a setembro o caudal do Barbaña nace á saída da depuradora. Neses meses o río está seco totalmente e a única auga que mantén o caudal é a que sae da depuradora, co cal, calquer pequeniño fallo, provoca un problema. Mentras non se busque unha solución para que o Barbaña leve máis auga, é moi difícil.

Por onde pasa esa solución?
Pois coido que é moi sencillo: bombear auga desde o Miño e que volva despois de novo ó Miño. De momento non ven factible esa solución e así seguimos co problema. Fixéronse melloras importantes, con investimentos millonarios, pero repito, cando entre xullo e setembro o río nace á saída da depuradora é moi difícil acabar con este problema. Hoxe está en fase de adxudicación outro proxecto, para San Cibrao das Viñas e para o Barbaña, de arredor de 18 millóns de euros, para mellorar a depuradora e os colectores que van a ela. Veremos se  cando todo eso estea funcionando mellora a situación. Outra cousa que hai que ter en conta é que San Cibrao das Viñas é quen sae sempre na prensa, pero á depuradora esta verte tamén o polígono industrial de Pereiro. Sin embargo, cada vez que pasa algo, sempre aparece San Cibrao e as multas véñennos a nos, pois a depuradora está no noso Concello.


Qué agarda deste segundo mandato que acaba de comezar?
Agardo que melloren as cousas. Parece que se ve unha luz ó final do túnel. Esto empeza a mellorar un pouquiño e imaxino que a melloría no Estado se notará tamén en San Cibrao. A ver qué pasa nas próximas eleccións e se o país se recupera, San Cibrao vai mellorar tamén.

Cales son os proxectos que quere afrontar nestes catro anos?
Queremos mellorar o alumeado público e pasalo a led, para aforrar enerxía e gañar calidade na iluminación. Vamos seguir mellorando os parques e os xardíns e temos en fase de adxudicación, para rematar dentro deste ano, un ximnasio para Ponte Noalla, un núcleo moi importante de poboación. Queremos seguir apoiando ó deporte e potenciar o amplo programa de actividades que promovemos, como os talleres de memoria ou o fomento da lectura, para os veciños. Tamén temos en marcha un proxecto para apoiar a industria e ó comercio do noso concello, para promocionalos internacionalmente. Hoxe xa non basta con vender en San Cibrao ou en España, senón hai que proxectarse cara o exterior. Primeiro, queremos dar a coñecer o noso polígono, pois segue a haber terreo baldío dentro del; e despois, tamén dar a coñecer os productos que se fabrican no noso polígono, para apoiar ás empresas. Eso é un pouquiño por onde queremos tirar durante estos anos.

Parece amosar unha sensación de optimismo de cara ó futuro?
Calquer alcalde ten que ser optimsta. En San Cibrao, os problemas máis graves que temos, como o paro, non temos unha vara máxica para resolvelos, pero no pouquiño que comezamos a saír da crise, vese algunha luz que nos permite ser optimista. Vese que hai un pouquiño máis de traballo e de producción, pero temos que seguir traballando e optimizando os recursos para que redunden en beneficio dos veciños e das empresas. Neste sentido, para o ano que ven temos prevista unha reducción do valor catastral de todos os terreos e inmobles en solo urbanizable. Pedimos  unha reducción ó catastro e aceptouna, nun principio con un 23% á baixa, o que redundará un pouco nos petos dos nosos veciños.

Te puede interesar