ENTREVISTA

"A música tradicional galega abarca moito máis que muiñeiras"

local12-archive-2017-02-24-mtp1176_result
photo_camera Manuel Herminio Iglesias.

"Loureiro verde" é o novo volume de Manuel Herminio Iglesias

A teima de Manuel Herminio Iglesias (Seixalbo, 1949) é dar a coñecer a música tradicional galega e animar aos guitarristas a comprobar a riqueza cultural da mesma. "Loureiro verde" é o seu novo volume, que chega despois dunha ampla investigación neste eido cultural. O libro xa se encontra dispoñible a través da plataforma web da editorial Dos acordes. 

Cando comeza o seu interese pola música tradicional galega?

Eu levo a música no corpo dende ben pequeno, pero non foi ata os 30 anos cando comecei a estudala no conservatorio. Pola miña ideoloxía política, que defende a idiosincrasia desta terra, acerqueime ao mundo tradicional. 

A quen está dirixido "Loureiro Verde"?

Aos guitarristas, porque é un libro que contén partituras e anotacións para interpretalas e contextualizalas. Aínda que parte dun nivel medio de formación, para aqueles alumnos xa iniciados no tema, pode chegar a outros intérpretes que non teñan tanta experiencia.

Son composicións propias?

Non todas, das cincuenta cancións hai algunhas que son da tradición galega, pero tamén comparto pezas miñas propias, que elaborei a partir dos meus coñecementos. 

Cal é o obxectivo do seu libro?

Sobre todo, divulgar este tipo de música, que sexa coñecida, que sexa útil. Nos conservatorios, os profesores son os que escollen as composicións que os seus alumnos utilizan para aprender e creo que é importante que conten con pezas tradicionais. No Conservatorio de Santiago de Compostela, por exemplo, hai unha profesora que emprega algunhas partituras que amosei noutro dos meus libros.

Considera que as cancións tradicionais galegas de guitarra son valoradas pola sociedade?

Non, en outros países a música tradicional deu paso a música clásica, pero aquí non pasou iso. O tradicional ten moito máis que muiñeiras e pandeiretas, de feito, unha das pezas máis importantes é o alalá. É preciso desenvolver e dar a coñecer este tipo de composicións. Ademais, a guitarra é, xunto co piano, un instrumento mundial ao que todo o mundo pode ter acceso.

As composicións tamén están acompañadas de anotacións escritas. 

Si, para que o lector poida comprender o contexto das pezas musicais e de onde proceden. Ademais, algunhas das cancións tamén veñen acompañadas por textos meus propios e poesías, porque tamén é algo que me gusta. A verdade é que foi moito traballo, xa que fixen eu todo o libro a partir dos meus coñecementos. Pero a música é a miña afición favorita.

Te puede interesar