Marcos Viso (Ourense, 1973) deixou o seu traballo como aparellador para aventurarse na ilustración. Un salto "non tan difícil" entón, fai seis anos, pero ao que se volve enfrontar cada pouco. "Artistas hai a patadas, somos moitos para un mundo tan pequeno", asegura. O ilustrador está inmerso actualmente na creación dun segundo libro obxecto, unha idea que se lle ocorreu fai meses para "ocupar" o tempo entre encargos editoriais, e unha nova forma de dar saída a súa creatividade. "El piano" é a súa primeira obra deste estilo, unha peza única feita ao 100% por Viso.
"El piano" é unha obra moi particular.
Non é un libro que está dentro do círculo tradicional editorial. É un libro obxecto no que eu son o escritor, o ilustrador, o maquetador, o comercial, o editor... Fago eu todo o proceso, imprímoo na casa, emprego a guillotina para cortar as páxinas, coso o lombo...
De que trata a historia?
Está centrado na relación de varios personaxes, que sempre se sitúan ao redor dun piano abandonado vello. É unha alegoría de que todo merece unha oportunidade.
Cantos hai?
Bueno, vounos facendo paseniño, a medida que os compran, fago máis. Agora mesmo creo que teño dez en stock, na miña casa.
Cada libro é único, vaia.
Si, non cambia a historia nin as ilustracións, pero algo sempre cambia. O plegado é distinto de cada vez porque o proceso é artesanal.
Colleulle gusto, agora xa está facendo outro libro deste tipo.
Si, estame gustando moito o proceso de crear álbums ilustrados, de que cho piden, preparas o libro, fas o envío, estás atento de si chega, de si lle chega ben, de se tivo algún problema... Créase un fío co comprador moi fermoso.
Prefire este proceso ao do mundo editorial?
É distinto, cando traballas ti só ao mellor decides meter unha páxina en branco en medio do libro sen medo, fas con máis confianza as cousas. Pero un encargo tamén é moi apaixoante, ilustrar é como resolver un problema. Chégache o encargo coa historia escrita, e tes que encontrar como complementala para que o lector conecte ambas linguaxes.
Decidiu deixar o seu traballo como aparellador pola ilustración. É un mundo difícil?
Artistas hai a patadas, editoriais hai poucas. Somos moitísimos a crear contido e o mercado non ten capacidade. Se tes un mecenas é fantástico, pero se necesitas vivir disto... Sigo loitando coa decisión que tomei fai seis anos, e non é tan sinxelo. A ilustración, ademais, segue entendéndose como libros con debuxiños, e cun público moi determinado.