Entrevista

María Vilas: "Un acordo PP-PSOE-Cs representa o sentir cidadán"

María Vilas, de Ciudadanos.
photo_camera María Vilas, de Ciudadanos.
María Vilas (Santiago, 1984) é secretaria de Acción Institucional de Ciudadanos en Galicia, desde onde respalda a posición do seu voceiro en Ourense, José Araújo, na busca dun acordo entre PSOE e PP para desaloxar a Jácome. 

 Respaldan esa estratexia de tentar unir a PP e PSOE?

 Traballamos de maneira coordinada neste senso, co noso voceiro municipal, a nivel autonómico e nacional. A nosa postura é clara. Levamos traballando desde o inicio en ser prácticos e proactivos. Conseguimos sentar na mesa aos dous partidos porque son os que teñen a solución. Penso que conseguir que sentasen a dialogar e falar foi xa un éxito. Pensamos que así se sentan as bases para un mellor futuro para Ourense.

Hai unha liña vermella co BNG?

O obxectivo prioritario é desbloquear a situación que se está a vivir en Ourense, cunha crise institucional que non deixa quitar adiante os proxectos vitais para a cidade. Neste escenario, participariamos no goberno ou quedando na oposición de maneira responsable. Temos claro que temos estar sentados todos aqueles partidos que representamos o sentir da maioría da veciñanza de Ourense, porque así o decidiron nas urnas. Ten que primar o entendemento. 

Cidadáns debería esixir estar no goberno?

As negociacións están abertas. Estamos falando entre tódolos partidos. Cremos que un acordo entre PP, PSOE e Cidadáns representaría unha gran maioría do sentir dos cidadáns de Ourense O que si temos claro é que para o que queda de mandato ten que haber eses 14 votos ou máis para que as cousas funcionen. A cidade non pode seguir paralizada e nun bloqueo permanente. 

Contemplan un goberno en minoría do PSOE?

Os gobernos en minoría xa vimos en que resultaron dando. Non se pode perder máis o tempo, e máis na pandemia que estamos a vivir, que azoutou a Ourense de forma significativa. Temos que poñer o acento nas necesidades dos cidadáns . É preciso un goberno amplio que dea estabilidade.

Quen é o culpable?

Non somos xuíces para repartir culpas, pero está claro que as decisións que se tomaron non foron as máis acertadas, xa que se deixou unha crise institucional sen precedentes. A prioridade na axenda de calquera político debe ser sentar e atopar unha solución. 

Te puede interesar