Maribel Longueira e Virginia Rota, limiares de luz

Pormenor da exposición da Fundación Vicente Risco.
photo_camera Pormenor da exposición da Fundación Vicente Risco.

Nos baixos da Fundación Vicente Risco, en Allariz, hai dende fai un tempo unha exposición rechamante que ten algo de instalación artística e moito de sensibilidade poética, dende matizadas gamas de cores, extraídas das frores por procedementos artesanais, unha forma de expresividade das esencias naturais multiseculares. Máis semella, ao mesmo tempo, ser unha reivindicación das antigas técnicas de tinguir as teas. Maribel Longueira, creativa fotógrafa, foinas colocando polos espazos da sala en bastidores, perchas e varas, como facianas de tendais, e diante dos plafóns expositivos, por veces co marco do cadro a modo de bastidor ou agachado, tralo pano. Unha forma creativa a dela que se insire na raíz dos tempos antigos coa que se expresa desta volta tinguindo as telas co colorante da cochinilla, única permitida dende os controis sanitarios, engadíndolle bagas de arbustos, frores ou anacos de madeira, para que por transferencia os taninos e pigmentos pasen aos tecidos. O que nos fixo volver os ollos ao recente ensaio de Virginia Postrel El tejido de la civilización. E que Longueira asenta arredor do feitizo máxico da mítica historia da princesa Sabriyya de Nimrud quen fixo aquí xardíns colgantes e como observase a acción dos pétalos das frores que no canto de caer na auga cambiábanlle a cor, ordenoulle ao xefe dos teares da cidade, Nuwaqquit, que tinguise as teas de la, algodón e seda, comprobando como as tinturas eran distintas segundo auga quente ou fría. Iniciando así o de vestirse con debuxos nas roupas. Velaí o título da Cor da clepsidra, artificio de auga para contar as horas.

VIRGINIA ROTA NO ESPAZO RV

Ela foi o merecido Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2018 na súa sexta edición, facendo dende a sensibilidade coa luz un ensaio fotográfico que lle levou tres anos desenrolar. A artista, que adoita pedir colaboración pública para os seus proxectos, deu con vinte e cinco nenos entre catro e once anos de idade para facerlles un retrato, máis de inicio púxolles nas mans unha cámara cun carrete de vinte e sete fotos para que fotografaran o que consideraran importante nas súas vidas. E logo de ver as fotos, e falar con eles, foi impresionando as súas facianas individualizadas en placas cunha gama cromática esvaída, e moito de claroscuro nas cores, consciente de interpretar así o efémero do momento das súas miradas pois quixo ver como ían avanzando cara o mundo dos maiores. E así foi captando na pose o seu ser a piques de perder a candorosa e poderosa maxia dos cativos, engadindo ademais na exposición o inicio do seu xeito de ver, seleccionando dos centos de fotos deles, en B/N, que amosan O mundo ao principio. Chega así a Ourense, o que non acontecía dende 2016, logo de exhibirse en Lugo, Braga, Vigo, Málaga, Ferrol e Barcelona, presentándoa Xosé Lois Vázquez, director da Asociación Outono Fotográfico e coordinador do premio, na boutique de moda con Roberto Verino. 

Son, ámbalas mostras, expresións de miradas sensibles dun élan asisado nas composicións ás tramas sutís de cores, e cunhas formas cheas de afectividade emocional, perfecto colofón de arte nestes días de ilusións entre Nadal e Reises, o do antigo Jano, deus da transición, cando o tempo se medía coas clepsidras. 

Te puede interesar