Concelleira do BNG

Marta Arribas: ‘A renuncia é unha decisión moi persoal co fin de reforzar a área de Termalismo’

A concelleira Marta Arribas, nunha comparecencia pública. (Foto: Miguel Ángel)
Marta Arribas convertiuse na protagonista política da semana ó solicitar ó alcalde o seu cese como concelleira de Termalismo, aínda que asegura manterá a súa responsabilidade nas áreas de Igualdade, Xuventude e Voluntariado. A política pretende continuar o seu labor desde a discreción e sen vontade de xerar polémica con seu grupo.
A súa decisión de solicitar o cese da área de Termalismo na cidade fixo sobrevoar a pantasma da crise no seo do goberno municipal. Nembargantes, ela reitera unha e outra vez que nada estaba máis lonxe da súa intención, e matiza que ‘quero deixar constancia de que sempre estiven nun plano discreto, non son persoa de levantar polémicas, máis ben prefiro traballar nun segundo plano e non me gustaría perxudicar ó goberno da cidade. É (a súa decisión) un acto de responsabilidade e vou seguir estando aí’.

Que a levou a tomar a decisión de presentar a renuncia da área de Termalismo?

O motivo desta solicitude de cese é que considero que é o momento de facer algún cambio. É unha percepción persoal e unha decisión moi persoal co fin de reforzar o traballo en Termalismo. É un cambio como xa se levan feito outros no goberno, co obxectivo de mellorar a xestión en Termalismo.

Manterá as súas responsabilidades en Igualdade?

Si. Eu levaba Igualdade, Xuventude e Voluntariado xunto con Termalismo pero creo que son áreas moi distintas e que, ademais, a área de Termalismo é máis transversal. Ó ser moi ampla había temas que xestionaban outras áreas e considero que é mellor agrupalas.

Foi a viaxe de Sánchez Vidal e Ana Garza por Europa o detonante da súa decisión?

Non. Foi unha decisión reflexionada desde hai tempo e xa lla comentei ó meu grupo de goberno. A viaxe non deixa de ser unha tontería. Se quero ir a Baden Baden ou a Karlovy Vary podo facelo sen que sexa desta forma. A decisión non é un capricho.

Tivo a sensación de que había compañeiros que estaban inxerindo na súa área?

Termalismo é un área tan transversal que a Concellería de Turismo é importante. Non poden estar separadas, xa que o termalismo sen promoción non é nada e o mesmo pasa con outras áreas. Esta é unha reestructuración positiva e eu vou seguir estando aí desde os meus coñecementos técnicos, xa que teño un perfil máis técnico, para o que necesite o grupo de goberno.

Cre que a súa decisión vai desestabilizar ó goberno municipal?

Non. Todos somos persoas adultas e eu non pretendo desestabilizar nada senón pór enriba da mesa unha decisión persoal. En todos os grupos hai tensións momentáneas pero creo que seremos capaces de resolver esta situación porque temos unha responsabilidade maior, que é a máis importante, como é o goberno da cidade.

Asumiría outra área de responsabilidade se así llelo pediran do seu grupo?

Non está falado. A miña área é extensa de por si e ten corpo propio. Antes tiña que compatibilizala coa xestión de termalismo e dábase unha certa sensación esquizofrénica. Se me ofreceran outra área e vemos que se pode facer, estaría encantada pero se non, non pasa nada.

Hai quen fala de divisións internas dentro do grupo municipal do BNG que a deixan a vostede entre dúas ‘augas’, no medio. Ten que ver esa situación coa renuncia?

Xa dixen que é unha decisión totalmente persoal e interiorizada desde o máis profundo sentir do que son como persoa e como política do BNG, cunha ideoloxía e unha forma de entender a vida. Son unha persoa independente que non milito noutro partido dentro do BNG e creo que fixen o correcto.

A quen lle comunicou primeiramente o seu desexo de deixar Termalismo?

Primeiro falei con Alex (Sánchez Vidal) porque é o portavoz do grupo municipal e tamén é responsable de área e xa lle comuniquei a decisión. Despois xa o fixen de forma oficial.

Cre que xerará problemas dentro do seu propio grupo político?

Somos o suficientemente intelixentes, maduros e honestos como para solucionar o problema e mirar polo goberno da cidade. Eu non pretendo xerar ningún problema.


Te puede interesar