ENTREVISTA VIDA

Melania Cruz, unha ilusión con cada proxecto

20190215091502320_result
photo_camera Melania Cruz.

A actriz lucense sorrí e o día parece que se ilumina un chisco máis e que convida a falar. Tras ese sorriso, unha muller cunha traxectoria que a levou,  e a seguirá levando, ao teatro e a participación en curtas e longametraxes. E tamén a acadar  premios, María Casares e Mestre Mateo. 

Actriz en compañías de teatro como EscénaT, Teatro de Adro, CDG e Contraproducións. Cofundadora xunto a catro compañeiros de ilMaquinario Teatro. Dende 2008, axudante de dirección en Teatro Muxicas. O seu debut no audiovisual foi da man de Ignacio Vilar interpretando o papel de Raxada en "A esmorga". Protagonista nos filmes de "Dhogs" e "Arima" e participa en "Trote". Traballa en series como "Urxencia cero" ou "Viradeira" e protagoniza o telefilme "Contou Rosalía". 

No que atinxe a galardóns, no 2016 recibe o premio María Casares a Mellor Actriz Protagonista por "Xardín Suspenso", e no 2018 o Mestre Mateo a Mellor Actriz Protagonista por "Dhogs". Vén de ser nomeada aos Mestre Mateo 2018 nas categorías de Mellor Actriz Protagonista e Mellor Actriz de Reparto por "Contou Rosalía" e "Trote", respectivamente. O seu último paso, a creación con Tito Asorey de A Quinta do Cuadrante, unha plataforma dende a que crear, compartir e experimentar e dende a que ve a luz "O empapelado amarelo", unha peza cunha lectura feminista en clave de relato gótico. Ela é Melania Cruz.

“O empapelado amarelo" é a última proposta da que é partícipe, cóntenos de que versa esta peza de teatro.

É unha dramaturxia realizada con Tito Asorey arredor do relato autobiográfico homónimo da escritora feminista norteaméricana Charlotte Perkins Gilman que fala en liñas xerais da necesidade de rebelarnos contra as estruturas tradicionais e as convencións sociais que impiden o noso desenvolvemento persoal e creativo. 

O fío do texto narra en primeira persoa, as perniciosas consecuencias dun tratamento médico que lle fora diagnosticado por un coñecido doutor da época para combater o estado melancólico e depresivo no que se atopaba a raíz do nacemento da súa primeira filla.
Este tratamento consistía basicamente na eliminación de todo tipo de actividade intelectual e creativa, nunha dieta hipercalórica e nun encerro case total no seu fogar. Este remata por converterse nun cárcere onde ela, acostumada a unha intensa actividade social e artística, acabaría por achegarse ao abismo da existencia e ao límite da súa cordura.
É incrible que un relato escrito en 1890 posúa tal vixencia, especialmente nun momento no que certas voces tratan de negar evidencias atroces e cifras reais contrastadas en materia de desigualdade e violencia de xénero. 

Que foi o que a decidiu a embarcarse neste proxecto?

A ilusión de contar unha historia necesaria nestes tempos convulsos xunto a un equipo de xente marabillosa coa que compartir experiencias e aprender.

Trátase dun formato innovador?

A verdade é que non pensara na posibilidade de que se puidese ver como un formato innovador. Nin sequera estou segura de que o sexa. Penso que só pretendiamos contar unha historia e tratamos de facelo coa maior ilusión, respecto e traballo posibles.

20190215091502195_resultÉ complicado poñerse na pel dun personaxe tan intimista.

Supoño que poñerse na pel de calquera personaxe sempre resulta complexo. Neste caso, para min resultou ser un proceso moi intenso por moitos motivos. Fixo que me cuestionase moitas cousas a nivel persoal e profesional.

No teatro, que é o que máis lle gusta?

Ter tempo de exploración, compartir, experimentar sensacións, emocións, respirar atmosferas, deixarme levar.

Ten ás súas costas unha longa traxectoria que toca diferentes ámbitos, gran e pequena pantalla, teatro, dramaturxia... hai algún aspecto no que se sinta máis cómoda?

Non podería dicir un, estou en constante proceso de busca e descubrimento. Supoño que depende das características de cada proceso. Con todo, co paso do tempo e as experiencias vividas coido que escoita, a empatía e o diálogo son esenciais e facilitan o feito de sentirse cómoda e facer sentir ás outras persoas cómodas, en calquera ámbito.

Cal é o mellor consello que lle deron? Cal daría vostede?

Non podería dicir un só, pero si que me gustaría destacar a importancia do diálogo, a escoita e a compresión. Tamén me gustaría lembrar: "Non hai que terlle medo á vida", por Venancio Rodríguez Pérez, e "Solo no puedes. Con amigos, sí".

Cales son os seus proxectos máis inmediatos?

Seguir xirando "O empapelado amarelo" dirixido por Tito Asorey, a próxima data é o sábado 23, ás 20,30 horas no Auditorio de Ourense, e a estrea da curtametraxe "Arrolo", dirixida por Lucía Estévez.

Te puede interesar