ENTREVISTA

Mencía Yano: "De pequena, durmía escoitando a máquina de escribir de meu pai"

menciass
photo_camera Mencía Yano.

Ofir Enríquez Noya é o nome que consta no seu carné de identidade, pero esta valdeorresa escribe baixo o pseudónimo de Mencía Yano por "reparo". "Vivo nun pobo pequeno no que nos coñecemos todos, e escribo novelas eróticas".

Este venres presenta a súa última obra, "Siempre fuiste mi Julieta", coa que está triunfando en Amazon. Faráo xunto á escritora Lizzie Quintas , que falará do seu libro "Matar el pasado". Será na cafetería Princesa da cidade, ás 19,30 horas. 

De que trata “Siempre fuiste mi Julieta”?

É a historia dun escritor, Adrián Enríquez, que logo de levar anos adicándose a escribir, a súa axente literaria, Xulia Noya, sorpréndeo co rotundo éxito da última novela. Para celebrar a suculenta firma dese novo manuscrito invita a Xulia a pasar a Noitevella en Venecia, o que suporá para ambos un novo comezo nas súas vidas. 

En que se inspirou para escribir a novela?

Gustoume moito unha viaxe que fixen hai pouco a Italia e pode que me dese a base para construir unha historia, aínda que todo o que conto na novela é pura ficción.

Canto tempo adicou a escribila?

Pois arredor de seis meses. Claro que non solo escribo, tamén atendo a miña casa e a miña xente…

Como remata unha monitora de tempo libre adicándose á literatura?

Escribo desde a adolescencia, sempre me gustou escribir e facíao en galego. Aí comezou a bulir na miña cabeza a idea de escribir unha novela. Tardei en decidirme a facelo, porque me parecía que non ía ser doado, pero o meu marido deume o último empurrón, e en 2013 lanceime con "El invierno que nos cambió".

E como descubre que a literatura é a súa paixón?

Foi moi fácil, pois vivín rodeada de libros. Meu pai era un gran lector que nos ensinou a amar a lectura, encheu a miña infancia e a dos meus irmáns de libros. E tamén foi escritor, moitas noites durmíamonos escoitando o teclear da súa máquina de escribir.  

Ten un referente?

Antes de ser escritora, fun unha lectora empedernida, e digo fun, porque agora teño menos tempo para ler. Lin de todo un pouco, pero os escritores que máis me influiron na miña etapa de estudante foron Anaïs Nin, D.H. Lawrence ou Henry Miller. Un referente actual é Almudena Grandes.

Cal é o seu soño como escritora?

Escribir e conseguir publicar, xa é para min un soño realizado. Agora gustaríame que me pasase como a Adrián Enríquez, o protagonista de “Siempre fuiste mi Julieta” e que a miña novela fose un bestseller, de tal xeito que as grandes editoriais estivesen interesadas en publicarme. Soñar é de balde. 

Te puede interesar