ARTE ET ALIA

Metauniversos cotiáns de onte e hoxe: Rosalía e Loly Villoch

Maqueta dos metauniversos cotiás.
photo_camera Maqueta dos metauniversos cotiás.

Asociacións e institucións varias de toda Galicia, centros escolares e Concellos, lembraron a figura da poeta este domingo e os días previos.

A fotógrafa coruñesa Dolores Villoch Bañobre (Loly Villoch, 1978) achéganos unha acaída exposición do papel de muller no mundo de hoxe na sala de exposicións temporais municipal da rúa Lepanto, na antiga casona brasonada da familia nobiliaria dos Méndez Montoto. Alí presentouse fai uns días da man da Fundación Cum Laude, os seus padriños nesta a súa primeira experiencia nunha sala. Con anterioridade, a inqueda creadora tiñaa amosado en librarías como a Eixo, en abril do pasado ano, con foto-libro. Así tamén na Numax de Compostela ou na Biblos de Betanzos. E na cidade do Apóstolo en Aire Centro de Arte, con un taller de miniaturas. Todo elo ofrece algo do seu amplo abano expresivo, que tamén se manifesta na Banda Deseñada e a escritura de contos, arredor da fotografía de viaxes e a submariña de onde xurdiron, Paisajes efímeros e Underwater, respectivamente. Agora trae o proxecto completo, corenta e catro composicións fotográficas que proxecta coa canción de Ismael Serrano 'Caperucita' diante dunha magnífica maqueta doméstica... Nas paredes da sala as imaxes estáticas da historia, con textos alusivos á desigualdade de xénero. Todo elo conforma unha alegoría, que foi e segue a ser unha linguaxe erudita. Coas súas imaxes se expresaron as elites relixiosas e tamén laicas do Renacemento e o Barroco, entre os séculos XV e XVIII, culta expresión que utiliza Villoch coas súas elaboradísimas escenas, que reproducen situacións cotiás, e logo fotografa. Eis unha fotografía creativa, con maquetas e cadros, nas que segundo dixo foi alternando os espazos macro e micro, coas relacións desiguais e e asimétricas "entre homes e mulleres que se repiten sen importar o lugar no que nos atopemos". Un storyboard ou guión cinematográfico, como escribiu Chito Rivas. No segundo andar, podedes vela. Vou voar, dixo o verme, e todos se riron, agás as bolboretas...

Onte, co gallo da conmemoración do nacemento de Rosalía, a iniciativa da súa Fundación dende Padrón, moitos establecementos serviron o 'Caldo de Gloria' tirado de "Miña casiña, meu lar", o seu famoso poema. Asociacións e institucións varias de toda Galicia, centros escolares e Concellos, lembraron a figura da poeta nos días previos. Así 'Café con verso', iniciado polo concello coruñés de Ames, e que xa se vai estendendo. Eiquí foi Celanova, desde la Fundación Curros Enríquez, acadando a participación de 43 establecementos de hostalaría, algo extraordinario, ao que se engadiu o concerto didáctico Especial Rexurdimento con cancións dos nosos tres autores de referencia, “Negra Sombra”, “Unha noite na eira do trigo", Cántiga”, e o propio “Himno galego”, coa organista María José Mosquera, o violinista Benito Buide e Ilduara Perianes, voz. E o agasallo dunha publicación na Casa dos Poetas. Onte xúntaronse a Fundación e a de Pondal coa de Rosalía de Castro nos actos en Compostela e Padrón, con bus de balde. A revisión da obra da autora padronesa por María Xesús Lama, Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), premio nacional de ensaio 2018, ofrécenos outra faciana más verosímil, de muller lúcida e independente defensora da liberdade, igualdade e xustiza social. 

Te puede interesar