ENTREVISTA

"Para min, o futuro do nacionalismo galego pasaría por unha reflexión ideolóxica"

historiador
photo_camera Xosé M. Núñez Seixas

O historiador ourensán Xosé Manoel Núñez Seixas viaxa ata a cidade das Burgas para presentar o seu novo libro

Dende Múnich, o historiador ourensán Xosé Manoel Núñez Seixas viaxa ata a cidade das Burgas para presentar o seu novo libro, "Los colores de la patria. Símbolos nacionales en la España contemporánea", editado por Tecnos. A cita será o 17 de abril no Liceo ás 19,30 horas. 

Despois da publicación de "Ser españoles. Imaginarios nacionalistas en el siglo XX", el e mais o historiador Javier Moreno decidiron escribir un capítulo sobre a historia dos símbolos formais do nacionalismo español. 

Que caracteriza ao caso español?
Reúne varios paradoxos. A bandeira oficial, bicolor, aínda é considerada non só polos nacionalistas periféricos senón tamén por unha parte da esquerda como unha bandeira franquista, fascista ou facha. Como o queiramos chamar. Ademais, España é un dos poucos estados do mundo que ten un himno sen letra. Un himno que non se canta non crea emoción nin sentimento de pertenza.

Hai un interés historiográfico por explicar que é o nacionalismo español. Como o define?
Como a posición política e a cultura política que defende que España é unha nación. Para algúns, isto é máis ben patriotismo e eu digo que hai nacionalistas de dereitas como os hai de esquerdas. Diferéncianse nos criterios de pertenza de adscrición á nación española; é dicir, Pablo Iglesias é tan nacionalista español como Mariano Rajoy. Para Iglesias, trátase dunha nación que se expresa mellor nunha república e na bandeira tricolor mentras que para Rajoy, nunha monarquía constitucional ca bandeira bicolor. O que cambia son os criterios de pertenza á nación española. 

Centrándonos nos nacionalismo periféricos. Cal é o futuro do nacionalismo galego?
Uf. Isto temos que preguntarllo a Ana Pontón. Eu non son nada optimista. Gustaríame selo. O seu futuro pasaría, na miña opinión, por unha seria reflexión, non só estratéxica e táctica senón ideolóxica. Se vemos as enquisas, como moito un 20% da poboación di que Galicia é unha nación. 

Na actualidade, imparte clases na Universidade Ludwig-Maximilian de Múnich. Como xorde esta colaboración?
Dende hai moitos anos, teño contacto con Alemaña. Ademais, a miña muller é alemá e isto axuda.  Hai cinco anos tiven a oportunidade de optar alí a unha praza e por un tempo pedín excedencia na USC. Os colegas pregúntame que ensino en Alemaña. Eu cada semestre teño que propoñer temas novos. Por exemplo, neste vou dar unha clase maxistral sobre guerras civís europeas no XX e un seminario de investigación sobre franquismo e salazarismo. As clases son máis dinámicas que aquí. En xeral, noto nos alumnos alemáns máis motivación e os seus traballos son dun nivel máis alto.

Te puede interesar