Os participantes na terceira edición de 'Imos de fotos!' mostraron as súas propostas para a cidade, ó tempo que Ángel Codero e Nacho Romero presentaron unha 'prisión sen presos'

Miradas de antano e do cárcere mandan no Outono

Os últimos días dun cárcere e os rostros dos seus moradores non se contan con palabras, senón coas imaxes tomadas por Nacho Romero e Ángel Cordero na Prisión Provincial da Coruña, pechada a finais de 2009. 'Prisión sen presos, presos sen prisión' é a segunda proposta do Museo Municipal para a programación do XIX Outono Fotográfico. A mostra está formulada como unha reflexión sobre a inevitable relación entre os espazos e as persoas.
Paralelamente e por terceira vez, o certame gráfico por excelencia da cidade sae dos espazos habituais da arte para encher algúns establecementos comerciais da man do roteiro 'Imos de fotos!'. Deste xeito, as imaxes de Pablo Araújo, Aitor Uve Fernández, Daniel Gallego, Raquel Gil, Miguel González Anllo, Pallasos en Rebeldía, Fernando Saco, Beatriz Moares, Olalla de Nóvoa e Edgar Salazar pódense ver en dez bares e restaurantes da cidade durante o mes de novembro. Algúns dos participantes presentaron as súas propostas xunto á concelleira de Xuventude, Marta Arribas.

A segunda xornada do Outono Fotográfico completouse coa inauguración ó público da exposición 'Unha mirada de antano', con imaxes firmadas pola americana Ruth Matilda Anderson. Trátase dunha oportunidade para realizar un percorrido polo arquivo que a fotógrafa retratou nas súas viaxes por Galicia entre 1924 e 1926.

Te puede interesar