ENTREVISTA

“Moitas familias dependen da fundación San Rosendo"

Ourense. 23-01-17. Local. Entrevista a Benigno Moure e Jose Luis Gavela na fundación San Rosendo. Na foto Benigno Moure
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Benigno Moure

Os 70 centros da Fundación San Rosendo celebran hoxe, día do seu patrón, unha xornada de portas abertas para que familiares e veciños festexen o 25 aniversario da institución.

Sen embargo, as orixes da entidade remóntanse ao ano 1972 co sacerdote Benigno Moure, o seu actual presidente de honor.

Como nace a Fundación San Rosendo?

Vimos de Cáritas Diocesana de Ourense, onde levábamos sete anos. Xa tiñamos moitos traballadores e 16 residencias polo que pensamos en ter unha autonomía económica.

Como foron os inicios?

En Cáritas foron difíciles. A situación sociolóxica no ano 1972 era moi distinta á de agora. Empezouse por cousas pequenas como foron os xitanos, que acudían, tanto nenos como maiores, á escola e comían alí. Normalmente, viñan á escola e aproveitábanna ben porque querían sacar o carné de conducir. Despois empezamos cas garderías. Nestes anos había poucas mulleres traballadoras pero as que había necesitaban ese servizo. Entonces fixemos unha no patio do Bispado. Tamén, arranxamos aos sordomudos o local onde eles se reunían, compartían e convivían. Máis tarde conseguín un diñeiro para darlles e compraron un local novo onde teñen hoxe a residencia e o centro. Ao mesmo tempo, estaba en marcha o comedor social que estaba dando de comer a tódolos que o necesitaban. Moitos usaban o vale e os que non podían pagar, pagaban, como moito, pola comida oito pesetas. 

Tamén decidiu traballar con colectivos que teñen algunha adicción. Por que?

Estudiei bastante siquiatría e unha das causas das enfermidades é a droga e o alcol. Por iso xurdiu a idea de facer un centro de alcolismo na Sagrada Familia, ubicado en Santa Cruz de Arrabaldo. Isto xa vén de Cáritas.

Como xurdiu a primeira residencia, a de Cornoces en Amoeiro?

Co coñecemento que tiñamos xa de como tratar e convivir cos vellos. Esta residencia estaba dirixida a xóvenes discapacitados mentais. Foi cunha donación duns bens das relixiosas Fillas da Caridade. Tamén encontramos a necesidade de empezar as residencias para grandes inválidos, que foi a da Esperanza. Hai un momento moi importante que é encontrarme cun home no Ministerio de Sanidade, ourensano, pero non podo dicir o nome, que nos prestou moitísima axuda económica coa cal seguimos facendo residencias co estudio que tiñamos feito. Tamén é certo que non só nos axudou senón que eu tamén pedín para facer a residencia de Celanova, aos relixiosos de Ribadavia con 25 millóns de pesetas (150.000 euros) ou ao centro de sordomudos con outros 25 millóns.

Por qué decidiron separarse de Cáritas?

Vimos a necesidade de ter unha autonomía porque Cáritas ao final depende tamén do bispo. Os bispos confiaron plenamente en min pero quizais era importante xa pasar a un sistema máis responsable e máis independiente econonicamente. E ista foi a causa da creación da Fundación xa con 16 residencias en funcionamento.

Resistíuselle algún proxecto ao longo destes anos?

Nunca se nos resistiu e colaboramos cos demais. Puidemos tardar en facer algún proxecto pero sempre foi por causas burocráticas, legalizando terreos ou cousas similares. Eran momentos moi importantes e económicamente moi factibles de facer máis cousas. Por iso, digo que quizais a falta de capacidade miña impediu que se fixeran máis cousas. Miña e do equipo.

Por qué metodoloxía apostou?

Por buscar nela unha atención personalizada ao acollido e unha preparación dos traballadores. Ademais, conseguir que os empregados formaran tamén como unha familia e darlle unha versión social no compromiso social no que estábamos metidos. A metodoloxía mellor é a atención personalizada para saber cales son as calidades e potencialidades que teñen os residentes e as súas dificultades. Para iso, buscamos técnicos e así os usuarios están sempre ocupados e activos. Isto axuda tamén a que os traballadores ao frente estean preparados. De feito, na metodoloxía está o esforzo por preparar aos traballadores; é dicir, primerio a formación profesional e, segundo, a forma de convivir como compañeiros e corresponsables do trato que se lle da aos vellos e minusválidos.

Predicía así a taxa de envellecemento que sufre a provincia.

Iso xa o descubrín no Concilio galego, no que participei no 1976. Pero tiña unha razón especial para ter ese coñecemento: A Obra Social do Ministerio de Traballo daba cursos para preparar ós emigrantes. Nos cinco centros que había de formación, eu era un profesor máis. Aí tiven a ocasión de despedir a 4.000 ourensanos que nesas datas marchaban de Ourense para Suiza, Alemaña e uns poucos a Francia. Tiven así o coñecemento do despoboamento que habería en Ourense e as necesidades que se estaban creando.

E que valoración fai da traxectoría da entidade?

Moi positiva, pero non é un balance para alegrarnos senón para responsabilizarnos porque moita xente depende de nós; é dicir, moitas familias e traballadores dependen polo que todos necesitamos ter ese equilibiro na función de dirección da Fundación.

Afectou o episodio do 2011 ao funcionamento da Fundación?

Recórdoo con tristeza pero tamén con esperanza. Naquel momento, xa estaba traballando José Luis Gavela connosco. Era unha gran promesa e un home moi ben preparado. Xa estaba de xerente e pasou a ser presidente. E todo máis ou menos, foi funcionando. Houbo momentos moi bos porque os traballadores e os acollidos sentiron tamén a responsabilidade. Foron acontecementos desagradables e inxustos.

Te puede interesar