CARREIRA POPULAR

“Monterrei é 10”, lema da IV edición da carreira popular do municipio

Manuel Doval na presentación da IV Carreira Popular de Monterrei_result

Cun percorrido de 10 quilómetros homologados pola Real Federación Española de Atletismo, este evento deportivo celebrarase o día 5 de novembro

O Concello de Monterrei acollerá o día 5 de novembro a cuarta edición da carreira popular do municipio cun percorrido de 10 quilómetros, homologados pola Real Federación Española de Atletismo. A presentación deste evento tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o deputado provincial, Manuel Doval; o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González; o alcalde e o responsable de Deportes do Concello de Monterrei, José Luís Suárez e Marcos Meno, respectivamente; o delegado da Federación Galega de Atletismo en Ourense, Manuel Blanco; o presidente da Asociación Deportiva Limia Activa, Óscar Gómez; e o responsable de Protección Civil de Verín, Manuel Alfonso.

Manuel Doval lembrou que se trata “dunha iniciativa que mestura deporte e turismo, poñendo en valor o territorio e dando a coñecer a riqueza natural, patrimonial e paisaxística deste municipio”. Asemade, o deputado provincial agradeceu ao Concello de Monterrei “a súa aposta polo deporte a través de diferentes iniciativas que fomentan a actividade físico-deportiva”.

A cuarta edición desta proba deportiva volve a desenvolverse baixo o lema “Monterrei é 10” posto que “o ano pasado conseguimos dar un salto cualitativo nesta proba logrando que fose  homologada, federada e que cumprira tódolos requisitos para poñela no circuíto galego de Atletismo”, sinalo o alcalde de Monterrei, quen dixo que este ano “pretendemos estabilizar a proba para ver as posibilidades de futuro desta carreira que pode servir de preparación para a San Martiño”.

Ademais, José Luís Suárez explicou que esta proba, que pon o “broche final a unha intensa actividade lúdica-deportiva do municipio, contribúe a dinamizar o noso rural”. Os participantes serán obsequiados cunha botella de viño "por ser o noso produto estrela”, matizou o alcalde de Monterrei.

A saída da proba efectuarase por categorías deste modo, a primeira carreira da xornada comezará ás 10.30 horas para a categoría de infantil-cadete (2003-2006) que percorrerán unha distancia de 2.000 metros. Ás 10.50 horas será a quenda para as categorías de benxamín e alevín (2007-2010) cun percorrido de 1.000 metros e, ás 11.15 horas, será a quenda para a categoría absoluta (2002 e anteriores) que farán os 10 quilómetros de percorrido homologados pola RFEA. A categoría prebenxamín (2011-2012) sairán ás 12.35 horas para recorrer os 400 metros de carreira previsto e pechará a xornada a categoría pitufos (2013-2016) nunha carreira de 200 metros.

A saída e a meta da proba será en Albarellos. A entrega dos dorsais efectuarase ata 30 minutos antes de cada proba.

Os interesados en participar poderán inscribirse na páxina web www.championchipnorte.com ata o vindeiro xoves, 2 de novembro, cunha cota de inscrición de 5 euros para a carreira absoluta, mentres que a participación nas carreiras escolares é de balde. “Ata o momento están inscritos 150 participante”, sinalou Marcos Meno.

A clasificación será absoluta e por categorías e, ademais de trofeos, haberá premios en metálico para o primeiro, segundo e terceiro da carreira absoluta, tanto en masculino como en feminino, explicou o responsable de Deportes do Concello de Monterrei.

No apartado de seguridade, Manuel Alfonso dixo que haberá “25 voluntarios procedentes de Protección Civil de Verín, de Cualedro-Monterrei, de Laza e de Cruz Vermella de Monterrei, encargados de velar pola seguridade da proba”.

Te puede interesar