CONTAMINACIÓN

Monterrei, Baixa Limia, A Limia e Celanova crean unha plataforma a prol da auga limpa

Veciños e veciñas destas zonas veñen de constituir a plataforma "Auga limpa xa!"

Sectores da comarca da Limia e zonas limítrofes como Monterrei, Baixa Limia e Celanova continúan a amosar a súa preocupación pola falta dun plan integrado de xestión de residuos e polo impacto ambiental, din, da gandeiría intensiva. Por todo esto e pola "grave contaminación dos nosos acuíferos" veciños e veciñas destas zonas veñen de constituir a plataforma "Auga limpa xa!". 

Dende a agrupación apuntan a que, en só tres anos, aumentou nun 39 % a concentración de nitratos nas masas de auga subterráneas da chaira da Limia e quéixanse de que están consumindo auga non potable. "Como consecuencia, o encoro das Conchas sofre. Verán tras verán, as augas non son aptas para o baño, ao estar contaminadas polo nitróxeno e o fósforo que, río Limia abaixo, chegan á presa, proliferando unha insalubre cantidade de cianobacterias", aseguran no seu manifesto. 

Por outra banda, matizan que as granxas de polos, porcos, e tenreiros suman na chaira da Limia 75.000 UGM -unidades gandeiras maiores-. "Estanse a ciscar sen control polas parcelas e montes unha boa parte destes residuos, non soamente na chaira limiá, senon tamén nas comarcas veciñas de Monterrei, Celanova e a Baixa Limia", critican. 

Dende "Auga limpa xa!" piden que os actores implicados busquen unha solución, ademais da correcta xestión dos residuos.

Te puede interesar