Arte et Alia

Monumentos do cenáculo ourensán de “Nós" e Castelao

Estatuas a Vicente Risco (izq) y a Castelao (dcha), algunas de las más notables de la ciudad.
photo_camera Estatuas a Vicente Risco (izq) y a Castelao (dcha)
Hai nas prazas da cidade de Ourense esculturas públicas dedicadas aos grandes persoeiros da Xeración de "Nós".

Hai nas prazas da cidade de Ourense esculturas públicas dedicadas aos grandes persoeiros da Xeración de "Nós". Son en realidade tres obras monumentais e un penedo, que non escultura. A primeira delas en ser erixida foi a Vicente Martínez-Risco e Agüero en 1964, que tiña falecido en abril do ano anterior. Para este gran patrucio da cultura galega o Concello decidiu situala diante da Escola Normal de Mestres, sito no barrio da Ponte. E Risco era parte do claustro dende 1916, cando estaba en Ourense, sendo o seu director dende a República até 1945 e dende 1952 ao comezo do curso 1954-55, no que se xubila. É un busto en bronce sobre elevado pedestal de pedra formado por dous bloques asimétricos que lembran un obelisco, forma asociada ao mundo funerario, que se asenta sobre unha base e un plinto cos cantos biselados na que loce unha placa informativa de bronce co nome e datas vitais. O artista José Liste Naveira (1904-1973) céntrase no rostro de Risco, recollido con fidelidade e gafas, único elemento engadido, realizándoo con gran dominio dos músculos cigomáticos do rostro e do pescozo, no que destacan os esternocleidomastoideos e escalenos, para concluír as referencias corporais nos subclavios que inician o seu tórax. Presentada así a idea do corpo, ignora o mestre compostelán as demais frontes que fura con pequenos ocos que animan as superficies: un proceder funerario consonte co pedestal. O gran escultor destacou como tallista e ebanista, sendo no seu taller onde leccionou a Acisclo, de onde as primeiras obras do escultor nado na vella rúa da Barreira. Foi este un daqueles "artistiñas" que medrou a carón so sabio Risco, tan influínte dende as vertentes ideolóxica e teórica do galeguismo, e para as artes nas tardes do Tucho, rebautizado O'Volter logo da morte do pequeno gran home. Unha obra a non esquecer na rota municipal do Ourense Literario como adoitan facer. 

A escultura de Ramón Otero Pedrayo (+1976) é de 1983. Inaugurada na Alameda trasladárona á Praza do Corrixidor en 1988, onde segue. Foi colocada diante da Agrupación Cultural Auriense, da que foi o seu presidente honorífico e onde, presentado por Blanco Amor, deu unha celebrada conferencia sobre os cincuenta anos de "Nós". Guieiro desta xeración, e gran orador, así foi representado polo mestre escultor Manuel García de "Buciños", que o coñeceu ben. Tamén fixo en bronce en 2001 a do gran pintor e escritor nado en Rianxo, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Colocada na antiga Praza da Imprenta áchase nun pedestal baixo en pedra, co seu apelido. 

Unha expresiva rocha do monte dedicóuselle en 1986 a Florentino López-Alonso Cuevillas (+1958), pai da arqueoloxía galega, sendo colocada na Alameda no centenario do seu nacemento. Mais segue a faltar un monumento que o lembre, e poder completar así a tríade ourensá comme il faut. Da súa sensibilidade como escritor dá fe "Cosas de Orense", 1969, rexesta de artigos en "La Región" que merece reeditarse. E coa de Xaquín Lorenzo (+1989), epígono de "Nós", ao que levou Risco da man cara a etnografía, xa sería...

Te puede interesar