OUFF

Mozos galegos retratarán a cidade en menos de 48 horas

Miguel
photo_camera Miguel Grandío e Paulino Pérez, coordinadores do proxecto.

O concurso "Fas Muvis" promove a creación audiovisual para amosar as bondades de Ourense

A partir de mañá ás 20,00 horas, cinco equipos de 25 mozos menores de 28 anos arrancarán o concurso-maratón "Fas Muvis" do OUFF. É unha das novidades da edición e pretende retratar a cidade en 48 horas, a través dunha peza audiovisual que non supere os 10 minutos. Os proxectos gañadores presentaranse na gala de clausura do festival.

"A iniciativa nace para promover a produción audiovisual galega entre a mocidade, así como reflectir a vida ourensá", dixo un dos coordinadores do maratón, Paulino Pérez, durante a presentación no centro cultural Marcos Valcárcel.

Entre os traballos participantes hai documentais, curtametraxes e reportaxes, "cinco visións moi distintas", en palabras do outro coordinador, Miguel Grandío. Os competidores serán "Faranduleiros", de Nerea Rodríguez; "Pensamentos para Xiana", de Miguel Torres; "Inferniño", de Ricardo Araújo; "Entre o sentimento e a experiencia", de Pablo Montaña e "Vía Láctea", de Cecilia Gil.

O primeiro premio será de 600 euros e o segundo de 200. Un xurado formado por Mariña Sánchez, xornalista e presentadora de Telemiño; Beatriz Cádiz, técnico de turismo da Deputación, e Alfonso Merino, posprodutor e colorista, elixirá os afortunados.

As pezas audiovisuais rodaranse na cidade, cun mínimo do 40% das escenas gravadas nos exteriores e, ademais, han de ser proxectos en galego. Os equipos contan con 600 euros de presuposto. 

Te puede interesar