“A muller estivo en tódolos cambios sociais, o único que hai que facer é querer velo'

María del Pilar Iglesias, onte no Campus ourensán (Foto: Martiño Pinal)
A antropóloga ourensá María del Pilar Iglesias ofreceu no Campus unha conferencia analizando o papel da muller nos museos galegos. A actividade estivo organizada pola profesora Fátima Braña e patrocinada pola Unidade de Igualdade para comprender que 'o patrimonio pódese mirar dende moitos puntos de vista'.
Que conclusión extrae sobre o papel da muller nos museos?
Evidentemente hai moitas eivas. Na Coruña, por exemplo, hai unha exposición sobre 100 anos de deseño alemán na que se obvia o papel das mulleres arquitectas, que tiveron importancia nese momento, e tampouco no Museo das Peregrinacións se fai incidencia niso. Despois, é certo que no Museo Etnolóxico de Ribadavia se fai un esforzo por visibilizar o traballo da muller como parte da economía en Galicia a través das coleccións de fotografía nas exposicións sobre antropoloxía visual.

Entón tamén nos museos existe certa desigualdade.
Eu non diría tanto nos museos, pero si é certo que na mirada que facemos dende o noso patrimonio a muller queda escondida moitas veces. De feito, no 2011 o Ministerio de Cultura fixo a exposición virtual 'Patrimonio en Feminino', na que a Rede Dixital de Museos aproveitou os fondos que tiñan tódolos museos para realizar unha análise dende a perspectiva de xénero seleccionando as obras feitas por mulleres, aquelas nas que están presentes e outras nas que están ausentes. Nela pódese apreciar como a muller está aí ante tódolos cambios sociais e o único que hai que facer é querer velo.

Aínda que se trate de documentos históricos nalgúns casos, está na man dos traballadores solucionalo?
Exacto. Pero despois tamén está claro que os fondos que lle chegan a un museo son determinados. Entón, dentro deles, por moito que un centro queira salientar unha realidade que por xuposto existe, pode non ter o xeito de manifestala porque carece das pezas precisas. Pero se lle damos a volta á situación, volvemos chegar á exposición 'Patrimonio en Feminino'. Aqueles eran fondos que estaban en tódolos museos e moi poucas veces se tiña aproveitado esa faceta.

Tamén ocorre a nivel de traballadores?
Si. Contando só técnicos en Galicia, hai 18 mulleres e oito homes. Neles só hai unha muller dirixindo que é no Museo de Belas Artes da Coruña, os outros catro que analizamos están dirixidos por homes.n

Te puede interesar