Ourense

O Museo do Emigrante recibe apoio de Barcelona

Ourense

PROXECTO

O Museo do Emigrante recibe apoio de Barcelona

Manoel Carrete e Manuel Baltar con Pepita Álvarez, durante a reunión no Pazo Provincial.
photo_cameraManoel Carrete e Manuel Baltar con Pepita Álvarez, durante a reunión no Pazo Provincial.

O proxecto está impulsado polo presidente da Deputación provincial

O Centro Galego de Barcelona amosou "o seu apoio total" á creación do Museo Galego da Emigración que promove o presidente da Deputación, Manuel Baltar. Así llo confirmou Manoel Carrete, presidente da entidade galega en Barcelona, quen se entrevistou con Manuel Baltar no Pazo Provincial xunto con Pepita Álvarez, integrante da directiva do centro galego, para analizar temas referidos á emigración galega.

Baltar destacou a importancia "que tiveron, teñen e sempre terán os nosos emigrantes", afirmando que Galicia, e sinaladamente Ourense, "é unha terra creativa e emigrante, dous aspectos que unidos deron de si importantes logros acadados en moitos ámbitos culturais, sociais, científicos e empresariais". Baltar subliñou que a importancia que o goberno provincial lle da á emigración reflíctese en iniciativas como a web ‘Ourense emigrante’, "na que estamos a traballar, e mesmo no que será o referente da emigración galega: o Museo Galego da Emigración, que terá a súa sede na provincia de Ourense".

O presidente provincial explicou que estase a traballar xunto con Olegario Sotelo Blanco e co antropólogo Manuel Mandianes "para facer realidade este xusto recoñecementos aos nosos emigrantes, porque rara é a casa ou a familia que non teña alguén que estivera ou estea no estranxeiro", e iso contribuíu en gran medida ao desenvolvemento desta provincia.

Avanzou que o museo deberá mostrar parte do que foi a historia da emigración, con obxectos, relatos e recordos, pero tamén deberá ser o espazo que amose "os moitos éxitos que os nosos emigrantes conseguiron, que foron moitos". Un museo interactivo e non un espazo exclusivamente de nostalxia, senón tamén de aprendizaxe.

Manoel Carrete, historiador e avogado en exercicio, confirmoulle ao presidente provincial que o Centro Galego de Barcelona apoiará esta iniciativa.

Comentarios