Ourense

“A música celta agarda volver ao lugar que non debeu abandonar"

Ourense

entrevista

“A música celta agarda volver ao lugar que non debeu abandonar"

Richi Roales
photo_cameraRichi Roales

O ourensán Richi Roales leva un tempo tocando a guitarra para Brath, a banda de música folk que dende comezos dos 80 lidera o vocalista e batería Eloi Caldeiro. Xunto a eles, completan a formación Alberto Sánchez, ao acordeón e teclados; o violinista Hugo Rodríguez; ao baixo, David Cid; e Carlos Lorenzo, tocando a gaita.

Acaban de publicar novo disco, que presenta de novidoso na súa traxectoria?
A esencia mesma da música galega popular e tradicional. Logo do anterior traballo "Codex", onde mesturamos a música galega e celta con aires flamencos, coidamos que sería interesante volver os ollos á nosa cultura e tradición musical.

Entón, “Enxebre" ofrece un percorrido pola tradición galega?
Non necesariamente, aínda que si bebe desa tradición, posto que tanto nas melodías como nos ritmos identifícase con claridade cal é a esencia de onde proveñen. Podería dicirse que "Enxebre" ten as súas raíces na música popular galega.

Trátase dun disco-libro, que contidos extra ten?
Ademáis da propia música, o libro fornécese de fotografías que teñen que ver con cada un dos temas do disco. Ademáis, cada tema acompáñase dun texto que explica cal foi o motivo polo que se creou. Son textos do autor dos temas dando conta dos elementos históricos ou nas lendas ás que recurríu para crear cada tema.

Este ano cumpren 37 facendo folk, cal é a valoración da súa carreira na música?
Cando un grupo ou artista chega a esta cifra, só se pode facer unha valoración positiva destas case que catro décadas de presenza do grupo a nivel, non so galego e estatal, senón tamén no eido internacional. Ninguén pode aguantar 37 anos enriba dos escenarios sen calidade.

En que momento consideran que se atopa a música celta?
Está nun momento de estancamento, agardando un novo impulso para volver ao lugar que nunca debeu abandonar, pois contamos cunha música e cuns músicos excepcionais. 

Como repercuten as novas tecnoloxías no seu eido?
Calquera tipo de música necesita adaptarse aos tempos que lle toca vivir, polo que, a nosa música usa as novas tecnoloxías como o pop, o rock ou calquera outro estilo.

Casi catro décadas dedicados ao folk, baixarse do escenario non é unha opción que contemplen non?
A idea é seguir a traballar en novos proxectos. Nunca se sabe cando a historia pode finalizar, pero nós non o contemplamos.