Presentarán no Concello un manifesto para demandar máis actividades

Nace un observatorio para analizar a cultura

Representantes dalgunhas das entidades asinantes do manifesto e promotoras do Observatorio.  (Foto: MARCOS ATRIO)
Coa fin de 'protexer as iniciativas e actividades culturais da cidade, vixiar o seu desenvolvemento e promover novas iniciativas', vén de xurdir o Observatorio da Cultura Ourensá (O.C.O.) formado por 23 asociacións e colectivos sociais e artísticos. Segundo explican os seus promotores nun comunicado conxunto, 'as cidades precisan de planos estratéxicos' para 'esperar interese por descubrila e xerar futuro'. Ó seu xuízo, Ourense -noutrora 'considerada a Atenas de Galicia'- carece agora destes aspectos e, por iso, hoxe mesmo presentarán no rexistro do Concello unha serie de demandas que melloren a actividade cultural.
Entre as demandas salienta a 'publicación dun plano estratéxico' elaborado pola Concellería de Cultura. Do mesmo xeito, demandan 'claridade e transparencia nos orzamentos municipais' en materia cultural, de xeito que tódolos colectivos coñezan as partidas específicas para cada actividade e poidan programar a súa organización. A petición responde á 'evidente falta de criterio' no tocante á 'defensa do público e do ben común'.

O recén nacido OCO solicita ademais que os axentes culturais poidan acceder ós recursos e infraestructuras da cidade. O cuarto punto das súas demandas incide na necesidade de que exista 'estabilidade na xestión' que evite a 'constante perda ou degradación de citas culturais xa consolidadas'. As entidades asinantes do manifesto consideran que á situación actual chegouse por 'desorde, capricho e improvisación derivados da inexistencia dun plano de actuación e falta de transparencia'.

Por último, atacan ós grandes gastos 'sen criterio que non repercuten na cidade' mentres se leva a cabo unha 'estratexia para desmontar a cultura de base'.

Representantes das organizacións promotoras do Observatorio deron a coñecer onte a iniciativa nun acto do Liceo. Entre elas figuran Sarabela Teatro, con desencontros coa Concellería de Cultura que lle impiden organizar o Fito; a empresa de xestión patrimonial Xeitura, o cine clube Padre Feijóo, Anacos da cidade, Amigos da Terra ou Boneca Lareta Produccións. O manifesto está aberto a novas adhesións e os membros que ata agora o conforman volveranse reunir o 16 de setembro, ás 20 horas no café Ollo Ledo.

Te puede interesar