PERSONAXE DO DÍA

“Nas guerras florece o noso lado máis escuro pero aparecen as actitudes máis nobres"

Ourense. 13-07-17. Local. Entrevista a Carmen Pením.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Carmen Penim.

A ourensá Carmen Penim medrou co enorme contraste entre a cultura holandesa e a España posfranquista dos anos 80. Por iso, dende pequena tivo claro que quería manter a memoria das mulleres que viviron a Guerra Civil

A ourensá Carmen Penim medrou co enorme contraste entre a cultura holandesa e a España posfranquista dos anos 80. Por iso, dende pequena tivo claro que quería manter a memoria das mulleres que viviron a Guerra Civil. Penim está inmersa na producción dun disco-libro que resume toda esa historia. "Herdeiras" está a piques de entrar en imprenta e a estrea oficial será o 24 de setembro no Teatro Principal de Santiago. 

En que consiste “Herdeiras"?
É o resultado do traballo de 27 persoas, entre articulistas, músicas, poetas e herderais e herdeiros das mulleres que sobreviviron á época da Guerra Civil e á represión que tivo lugar no 36 e os anos posteriores en Galicia. Pero tamén fala de esperanza, solidaridade e unión. 

Como nace a idea de facer este disco-libro?
O xerme inicial de "Herdeiras" foi unha charla de Luis Bará sobre as esquecidas, que se meteu no meu corazón, e xa non puiden pensar noutra cousa.

No seu traballo de documentación, que historia lle marcou máis?
Aínda recentemente volvín escoitar unha conferencia de Aurora Marco. E ela, muller rexia e forte, con tanta experiencia na investigación, aínda lle custou tragar as bágoas ó relatar a historia de tantos e tantos nomes que sufriron a barbarie. Que só dicíndoos, parece que lles facemos xusticia. Por iso, como escoller unha historia sobre outras?

Como está financiando o proxecto?
Fai falla a colaboración de moitas persoas para sacar adiante un proxecto que leva cine, música e textos. É caro de producir, pero son unha persoa afortunadísima: neste momento, xa antes de editalo, son moitos os exemplares comprometidos por medio dun crowdfunding. É certo que tiven que pedir un préstamo pero penso que recuperarei todo en breve. De todos os xeitos, tiña que facelo, fose como fose.

Por que é importante manter viva a historia?
Quen esquece, repite. Nas guerras, sexan da cor que sexan, só florece a brutalidade, o noso lado máis escuro. Pero tamén aparecen as actitudes máis nobres e valentes. Queremos lembrar o escuro para non repetirnos, como demócratas que somos. E queremos lembrar os xestos valentes para sentir a forza da herdanza en nós. Somos netos e bisnetas de mulleres valentes e extraordinarias. Como esquecelas?

Que plans ten a curto prazo?
Agora o que toca é traballar na posprodución e difusión para que "Herdeiras" soe nas cidades e vilas de Galicia e fóra dela tamén. Ando xa medio namorada dun posible proxecto no que teñen que ver as nosas tradicións e de novo as mulleres terán un papel importante. 

Te puede interesar