ENTREVISTA

Néstor Rego: “Na negociación dos orzamentos entrarán a baixada da AP-53 ou cambiar a intermodal"

Néstor Rego, o xoves na Coruñesa antes do acto coa militancia.
photo_camera Néstor Rego, o xoves na Coruñesa antes do acto coa militancia (MARTIÑO PINAL).
O deputado do BNG reivindica en Ourense a volta do nacionalismo galego ao Congreso, impulsado co pacto de investidura co PSOE

Chegou o xoves o deputado Néstor Rego (Vicedo, 1962) a Ourense para reivindicar a volta do nacionalismo galego ao Congreso, impulsado co pacto de investidura co PSOE que "supuxo que se comezaran a mover cousas favorablemente para o noso país". "Razoablemente satisfeito", Rego, con catro décadas de militancia nacionalista e que as viu de todas as cores, vén a dicir que ao final a nova política é o BNG,"coherente e fiel", ao que sitúa como clave para o futuro de Galicia e parapeto fronte á ultradereita –e tamén contra novos populismos–. 

“Recuperouse a voz galega", celebran.  O reto agora son os feitos. Cal é o verdadeiro Sánchez con Galicia? O dos orzamentos de 2019 ou o do pacto co BNG? 

Durante os catro anos anteriores ningunha forza que representou aos galegos se preocupou deles. Chegado o momento, acataban: "O que diga Madrid". O mellor exemplo foi os orzamentos. Eran os peores para Galicia dende 2002 e tiveron os votos a favor de PSdeG e Podemos. Pero  os de 2018, tamén prexudiciais para Galicia, eran xustificados polo PP e polo presidente da Xunta. Como os retrasos do AVE cando Rajoy. Agora (o PP) ten  unha posición moi reivindicativa. A pena é que non a tivera antes. 

mtp9194

Alternancia no poder e na queixa. 

E a alternancia na discriminación a Galicia, lamentablemente. 

Na investidura  o escenario desembocou nun contexto favorable para o BNG, tras a negativa do PRC e CC. “Moito máis do que puidemos conseguir nós", piropeaba Quintana. Habilidade ou debilidade do PSOE? 

Sempre hai que actuar en función do contexto. No último momento, deuse máis favorábel para que o BNG defendera con eficacia a Galiza, pero tamén é claro que chegamos aí porque non cedimos antes. É un gran acordo. Desbloquea solucións a problemas do país que levaban tempo agardando sen que ningunha forza estatal fose capaz de arranxalos. E evidencia a posición soberana do BNG fronte á sumisión do PSOE ou PP. Tamén a Feixóo: é un retrato moi fiel da súa incapacidade, ou desinterese. 

Feijóo acúsaos de non incluír no pacto co PSOE a débeda con Facenda. Cal será a posición do BNG a partir de agora?

Non será "a partir de agora". Nós sempre defendemos que o Goberno central tiña que pagar o que debe. 

Por que non se incluíu no pacto?

Nós sempre o defendemos. Mais, o BNG propuxo que o goberno galego reclamase pola vía xudicial se a política non resultaba. E Feixóo negouse. Agora ameaza outra vez: pois xa está tardando. Por que non se incluíu? Naquel momento non había evidencias da negativa . O que puidemos dicir, e que xa dixemos, e que se Feixóo quere que o BNG faga o seu traballo, que deixe o posto. 

Na “fiscalización" do PP ao pacto PSOE-BNG tamén criticaron o esquecemento das estacións. 

Volvo ao de antes. Que fixo Feixóo dende a Xunta? Infraestruturas ferroviarias, dependencia, retornados, AP9...? Estos elementos que o BNG incluíu no acordo, por que o PP foi incapaz de resolvelo? É ridículo que responsabilicen ao BNG  -que non goberna nin aquí nin alí, e cun deputado- que non metera no acordo os billetes de tren. Non sei se son conscientes de que están recoñecendo a súa incompetencia. En todo caso, avanzo que o BNG ten presentado unha proposición non de lei sobre o deterioro do servizo ferroviario e que inclúe os elevados custes dos billetes.

Ana Pontón dixo que a relación co PSOE será “partido a partido". O proximo serán os orzamentos. Onde estará o BNG, e onde estará Ourense? 

Estaremos colocando enriba da mesa as necesidades do país. E farémolo con contacto directo cos galegos. Primeiro, para dotar de apoio aos acordos da investidura –con temas que afectan específicamente  a Ourense, como un xulgado de violencia de xénero ou melloras na vía ferroviaria–. E incorporaremos cuestións: é urxente, por exemplo, poñer en marcha un proxecto de intermodal á altura do s. XXI. 

Hai marxe para cambiar?

Aínda non está na fase de licitación. Hai que facer un proxecto á altura das necesidades. 

E que? Voltar a Foster?

Sería ideal. Pero se non é posíbel, un proxecto digno e que de solucións –arquitectónicas e funcionais–. É prioritario, como garantir a chegada do AVE de xeito adecuado. 

Esixirán a Variante Exterior?

Se non é posíbel o soterramento. Tamén é urxente atender os ríos. O Barbaña? É fundamental un plan director de recuperación.  

E a gratuidade da AP-53?

Pode entrar, e ao noso xuízo debe entrar. Cando se fala da AP9 é no marco dun programa de desconto de autoestradas de concesións de longa duración -so quedan 3, e dúas están na Galiza-. É un elemento de discriminación do noso país e responsabilidade dos gobernos centrais. É de xustiza baixar as peaxes. 

mtp9190

A primeira comisión de seguemento do acordo co PSOE será a vindeira semana, non?

Si. Está pendente de confirmar por unha cuestión de axendas. O noso interese é que estén aí responsables dos ministerios implicados, para a calendarización dos acordos.  

E aí podería estar Podemos?

En principio é co PSOE. Na maior parte son acordos con ministerios socialistas. Veremos se é necesario falar con outros ministerios. 

Digo porque case pode ser un laboratorio para as autonómicas. 

Primeiro hai que escoitar aos galegos e trasladar a posición do BNG: é urxente quitar a Feixóo do goberno e mudar presidencia e políticas. Se como prevemos se verifica que o BNG avanza e o PP perde a maioría, ese será o momento de falar.

Entendería que xurdan outras forzas na esquerda galega?

O nacionalismo precisa sempre de partir da non sumisión a forzas alleas. Outros terán que decidir que queren facer. Sempre dixemos estamos dispostos a sumar para que o noso país avance. Eso pasa por derrotar ao PP e por políticas diferentes. Tamén coa defensa dun marco diferente ao actual Estatuto, que lle dea a Galiza capacidade para decidir por si propia. Como un novo modelo de financiamento. 

mtp9170

O autogoberno –e visto o contexto actual, co auxe de nacionalismos e rexionalismos– débese entender tamén coma un pragmatismo, como di Quintana?

Somos pragmáticos cando debemos e ambiciosos a hora de marcar obxectivos. Defendemos o dereito de autodeterminación pero entendemos que toca actuar neste momento e facer propostas que, indo no camiño de dar máis capacidades ao noso país, melloren Galiza. E o pacto é un exemplo disto. 

O tempo deulle a razón ao BNG?

Si.Foi esa resistencia o que nos trouxo ata aquí, combinada coa renovación. Asumimos que o BNG puido cometer erros. Pero rectificamos e aí están as chaves de porque hoxe moita xente olla ao BNG e en cada convocatoria electoral suma apoios, e militantes mes a mes.

O 10N beneficiou ao BNG. Tamén a Vox, que en Galicia non ten representación pero vos superou en Ourense e Lugo. O descurso nacionalista sofre no interior ou faltan perfís de votantes?

Responde a dinámicas estatais, alimentada nunha competición ultra entre Vox, Cs e o PP. O BNG sempre vai a estar enfronte para impedir o avance da ultradereita. Nas xerais conseguímolo e nas galegas estou convencido de que Vox tampouco terá representación.

Te puede interesar