ELECCIÓNS EUROPEAS

Nicolás González, deputado socialista na UE: “Europa axudará no posicionamento de Ourense no desafío do transporte”

O eurodeputado Nicolás González fala acerca das eleccións europeas do próximo 9 de xuño

Nicolás González é eurodeputado polo PSOE e agora volve ser candidato nas listas nas próximas eleccións europeas.

O 9 de xuño imos escoller candidatos para que nos representen en Europa, por que é importante ir votar?

É importante votar, xa que nas institucións europeas tómanse decisións moi importantes para as nosas vidas. Entre o 60 ou o 70% das leis que temos no noso ordenamento xurídico español vén do Parlamento Europeo. Ademais, nestas eleccións pomos en risco un modelo democrático e os modelos de inspiración do modelo europeo fronte alternativas populistas de extrema dereita que proveñen de diferentes países de Europa.

Que puntos destacaría para loitar contra ese populismo?

Hai que devolver a confianza ás institucións. Nestes últimos cinco anos e cunha pandemia de por medio amosouse a efectividade da Unión Europea para soster a nosa economía co plan de recuperación. E agora está respondendo ás necesidades polas diversas derivadas da guerra de Ucraína e a crise enerxética. Os proxectos de Europa son un ben para todos.

Canto se xoga Ourense nestas eleccións?

Sempre se xoga moito. Ourense ten elementos moi importantes como a despoboación e o envellecemento. As políticas rexionais e de investimento serán moi importantes neste sentido. Como, por exemplo, a transición ecolóxica e as políticas da auga. Grazas aos fondos de recuperación, invístese moito diñeiro no ciclo da auga e no regadío desta provincia. Europa axudará no posicionamento de Ourense fronte aos desafíos do transporte.

Te puede interesar