PROVINCIA

Nogueira celebra de novo o seu desfile de Entroido

A festa máis tradicional da provincia chegará a Luíntra o sábado 2 de marzo, con concurso de comparsas incluído

O Entroido xa chama á porta e os veciños de Nogueira de Ramuín festexarano un ano máis ao grande. O Concello xa anunciou que o sábado 2 de marzo se realizará o tradicional desfile, cun concurso de comparsas e disfraces.

A troula é algo que caracteriza aos veciños deste municipio, que están chamados a anotarse a esta cita antes do 28 de febreiro no departamento de Cultura do Concello. 

A cita será o 2 de marzo, a partir das 16,00 horas, na praza do Afiador de Luíntra, en caso de que o mal tempo impedise a celebración exterior, a festa trasladarase ao pavillón municipal. 

Haberá premios para categoría individual e comparsa. No caso destas últimas, os galardoados levarán 250 euros (1º premio), 150 euros (2º premio) e 100 euros (3º premio). 

A organización nomeará un xurado que se encargará de designar aos premiados. 
No caso dos participantes que non formen parte de ningunha comparsa, é dicir, que participen a título individual, haberá premios sorpresa para os tres primeiros clasificados. 

Tamén serán galardoados os participantes na categoría infantil. Neste caso, os premios sorpresa estenderanse ata os 10 primeiros clasificados. 


Máis actividades


As actividades de Entroido en Nogueira non paran aí, senón que xa se teñen anunciado outras. É o caso do obradoiro de máscaras e complementos, que se desenvolverá os días 27 e 28 de febreiro de 16,00 a 19,00 horas. Esta actividade, orientada a que ningún veciño poida quedar sen disfrazar durante esas datas, está tamén organizada polo Concello. 

Te puede interesar