ENTREVISTA

Xosé Manuel Pacho: "Non se está a cumprir a constitución en canto a dereitos lingüísticos"

Ourense 23/3/18
Entrevista al abogado Xosé Manuel Pacho

Fotos Martiño Pinal
photo_camera Xosé Manuel Pacho, no seu despacho.

O avogado e profesor Xosé Manuel Pacho vén de publicar a súa tese doutural en Dereito en forma de libro, titulado "Linguas e Constitución. O artigo 3 da Constitución española"

Vén de publicar a súa tese doutural en Dereito en forma de libro, titulado "Linguas e Constitución. O artigo 3 da Constitución española", editado por Aranzadi Thomson Reuters. É licenciado en Dereito e Ciencias Políticas, e profesor de Teoría de Dereito. O traballo, de "filosofía innovadora", aposta polo cumprimento do artigo 3 –no que se recolle a regulación da lingua–  que "ten que ser comprendida como unha norma a favor do pleno desenvolvemento dos dereitos fundamentais dos que empregan as linguas".

O artigo 3 di que saber castelán é un dereito e un deber e o galego só un dereito. Está o galego por debaixo?

O importante é interpretar este artigo como un mandato en favor dos dereitos lingüísticos, xa que fala do "especial respecto e protección dos que empregan as linguas". Para ter ese dereito a usalas, a Administración ten o deber de coñecelas. Os cidadáns, como individuos, no teñen deber de coñecer o galego, pero a Administración si, para defender aos cidadáns.  O problema é que non se está a cumprir a Constitución. Cando o galego era maioritario, usouse o plurilingüismo para que entrase o castelán, e agora hai que apostar por ese mesmo plurilingüismo para consolidar o galego. 

O Tribunal Constitucional é unha garantía ou unha barreira para a lingua?

 Estamos nunha etapa na que moito se reclama o cumprimento do texto constitucional, pero as interpretacións que se están a facer non coinciden con espírito constitucional, que é a defensa de todos, a busca dunha sociedade plural, e todos poidan falar na súa lingua. A xurisprudencia do TC ten condicionado e mediatizado o libre desenvolvemento de dereitos fundamentais. Esa interpretación restritiva non pode ser aceptada. 

En que se traducen os dereitos lingüísticos?

O dereito a usar o galego, a dirixirse á Administración en galego, o dereito de estudalo... O problema é que o marco xurídico español caracterízase por ser un sistema aberto e asimétrico, no que existe un trato diferente entre o castelán e o resto de linguas. E as sociedades que apostan pola diversidade teñen progreso, e o pluringüismo é diversidade. 

No discurso galeguista, non se teñen cometido erros?

Cometéronse erros, pero o erro  fundamental é que as administración non cumpran a lei. A clave é o respecto ao plurilingüismo para gañar a batalla. O discurso do plurilingüismo é o que nos protexe ante discursos absolutistas.  Hai que facer pedagoxía constitucional e transmitir que é unha cuestión de respecto e tolerancia, e non de imposición. Se os galegofalantes facemos un debate bélico, temos a batalla perdida. Pero se falamos de que hai que cumprir unha Constitución que xa defende o pluriligüismo, terémola gañada. 

Non é preciso logo unha reforma para protexer máis as linguas?

O que haberá que facer é que os poderes públicos cumprar o mandato constitucional e estatutario, que esixen defender a pluralidade. Nin fai falta modificar o texto. 

E serviu a lei para mellorar o uso do galego?

O problema é que parece que a cooficialidade, en lugar de beneficiar, está prexudicando o seu uso. Pero son optimista;  por exemplo, nunca houbo tantos traballos xurídicos en galego. 

Te puede interesar