“Non esperábamos ter que axudar a tantas mulleres”

O CIM do Pereiro tramitou 87 expedientes en seis meses de actividade

O Centro de Información á Muller (CIM) Padre Feijóo do Pereiro inaugurouse en xuño do ano pasado e dende a súa apertura tramitou un total de 87 expedientes, ofreceu 138 consultas sobre asesoramento xurídico e outras 156 de atención psicolóxica. En seis meses tamén ofreceron 76 consultas a vítimas de violencia de xénero, ademais de axudar a emigrantes retornadas ou a estranxeiras recén chegadas. O seu ámbito de actuación agora é de cinco concellos (Pereiro, Esgos, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz e Parada de Sil), e, en boca da súa directora, Ana María Núñez, esperan chegar ao municipio da Teixeira durante este ano.

Núñez conta como “atendemos a mulleres, principalmente entre 25 e 45 anos, na maioría por casos non relacionados coa violencia de xénero senón por problemas de dinámicas familiares, asesoramentos xurídicos ou calquera tipo de dúbidas que poidan ter no seu día a día”. Polo tanto, o principal valor que aporta o CIM é o de servir como “punto de referencia” cando as mulleres da súa contorna teñen un problema.

“Estou sorprendida sobre o volume asistencial do centro. En só seis meses duplicamos as expectativas en canto ao número de expedientes, non esperábamos ter que atender a tantas mulleres”, recoñece Ana María Núñez. A directora do centro pensaba que o centro rondaría o mínimo  que esixe a Xunta, pero o certo é que duplicaron con creces ese número de atencións. “A nosa principal cualidade é que somos un punto de apoio para moitas mulleres rurais”, explica Núñez, que tamén conta como “en moitas ocasións non somos nós as encargadas de tratar o tema, pero si de servir como sustento a nivel emocional e informativo”.

A localización do CIM, na Casa do Concello do Pereiro, tamén é, para a súa directora, “unha vantaxe”, xa que “no mesmo edificio están o resto dos servizos sociais, o que nos permite actuar dun xeito coordinado sen que as mulleres que axudamos teñan que ir a ningún outro sitio para solucionar os seus problemas”.

Te puede interesar