CEN ANOS DE NÓS

Nós, de todos nós

Hai un ano dáballe a benvida ao ano 2020, cun artigo titulado “Nós, de Galicia toda”, no que facía un pequeno repaso do percorrido físico e intelectual da revista Nós polo país, sen sospeitar as circunstancias futuras que ían condicionar as nosas vidas. Neste ano avolto que vimos de despedir, creo que Ourense revalidou, con nota, esa marca de orixe. Fagamos un pequeno repaso do feito no ano centenario.

Na Cidade da Cultura inaugurouse en outubro a exposición central do ano, Galicia, de Nós a nós, froito da relación entre a Consellería de Cultura e a Deputación de Ourense, con préstamos de máis de medio cento de institucións e particulares, e que tiven o pracer e orgullo de comisariar xunto con Ana Acuña. Virá a Ourense a mediados de febreiro e será complementada con materiais específicos aurienses. Os que máis pezas achegan á exposición son o Museo de Pontevedra, a Fundación Vicente Risco, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Losada Diéguez, a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Illa Couto, o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, a Real Academia Galega, o Museo Arqueolóxico de Ourense, a Fundación Penzol, a Universidade de Santiago e algúns particulares (lembranza espacial para os de Ourense, veciños de Santa Eufemia de Ambía, para Xosé Lois Carrión, Manolo Peña Rey, Fernando Román, Rafael Salgado, Juan Saco, J.L. Rodríguez Carnicero, a miña propia familia), á parte das pezas “exóticas” que veñen de Madrid, Berlín ou Bretaña. E sen saír de Gaiás, temos o marabilloso traballo de dixitalización e organización dos números de Nós feito por Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia, e que xa se poden baixar gratis en formato libro electrónico.

Na Coruña, cidade sede da Real Academia Galega e onde máis números se imprimiron, non lembro ningunha actividade específica; supoño que algunha se me escapa. Si houbo máis cousas en Compostela: na activísima web do Consello da Cultura un amplo e plural especial “Nós, de onte a hoxe”; no Museo do Pobo Galego, unha modesta exposición organizada pola Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura co patrocinio da deputación coruñesa -que logo itinerou- e unhas xornadas de reflexión; o lanzamento dun diario nacionalista co nome histórico, Nós Diario, pero nada a nivel de institucións locais. Tamén en Pontevedra onde se celebrou a xuntanza inicial de bautismo e impulso á revista, en xuño de 1920, e onde se imprimiron tres números, algo homenaxes. Que eu lembre, un acto na Deputación e un coloquio nese extraordinario Museo de Pontevedra que garda máis de dúas mil pezas relacionadas con Castelao e que este ano formalizou a compra do orixinal do álbum Nós para que seguise en exposición pública nese Museo. No Vigo de tantas forzas da memoria, lembro un número dedicado na revista Grial, un libro de materiais didácticos e unha reedición de dez obras dos autores, todo a cargo da editorial Galaxia. En Lugo lembro só unha mesa redonda coas fundacións da memoria, promovida polo Ateneo Galeguista da cidade.

E en Ourense, loxicamente, houbo un esforzo ben maior. Na miña memoria gardo lembranza das seguintes actividades públicas: En xaneiro, a peza do mes do Museo Arqueolóxico Provincial foron os exemplares da súa colección da revista, e despois, todas as pezas do mes do ano tiveron que ver con Nós. En febreiro, promovido pola Fundación Otero Pedrayo e cos actores de Platea Lúa, fíxose un roteiro por Ourense, cidade de Nós, que se repetiu en xullo, nun receso da pandemia. A mesma Fundación colgou na súa páxina web o epistolario completo cruzado entre dous homes claves en Nós, un “vello” (Otero) e un novo (Carballo Calero) e que días atrás viu a luz en papel de man da RAG. Houbo dúas interesantes exposicións itinerantes por espazos públicos; unha da Fundación Vicente Risco co patrocinio do Concello de Ourense e outra do xornal La Región, casa onde se acolleu o movemento galeguista auriense nos seus inicios (lembremos que nesta imprenta ve a luz a "Teoría do nacionalismo galego" de Vicente Risco, en 1920 e a impresión dos 15 primeiros números de Nós) pero tamén nos tempos do franquismo, coas colaboracións constantes de Risco, Otero, Cuevillas e os seus epígonos. Houbo, tamén, unha exposición dos retratos dos homes de Nós de Pepe Conde Corbal, en El Cercano. E, por iniciativa das fundacións de autores de Nós, e co apoio público, a nova biblioteca de San Francisco foi bautizada como Biblioteca Nós. 

A posta en valor da memoria do “terceiro home” da xeración en Ourense, Florentino Cuevillas, contou coa nova placa na casa onde viviu na Praza do Ferro, iniciativa acollida con agarimo polos técnicos de Cultura do Concello; e con varias actividades do Museo Arqueolóxico: a edición do seu epistolario completo e un libro colectivo, titulado "Arqueoloxía do noroeste peninsular en tempos de Nós". Tamén, como homenaxe conxunto á xeración, a revista Raigame do centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, dedicoulle un número especial.

E por iniciativa da Deputación de Ourense perante as outras deputacións, foi concedido o premio Otero Pedrayo 2020, ás fundacións que gardan a memoria dos autores de Nós. Conferencias e charlas valorativas sobre a revista, houbo varias: no Instituto Otero Pedrayo, Salesianos, Liceo, e tamén visitas virtuais á exposición en Gaiás. Tamén está o tema da promoción do “Camiño de Nós” lembranza da camiñada desde a nosa cidade a Compostela, polos homes de Nós en 1926 e revivida nas páxinas do Consello da Cultura Galega, por unha parte, e por outra, a través de libro e asociación para a súa promoción, impulsada desde a Insua dos Poetas que lle dedicou a súa festa central anual. 

En fin, en Ourense, dadas as circunstancias, cumprimos bastante ben. Porque Nós é de todos os que achegan o seu esforzo de memoria. Nós é da Fundación Vicente Risco que conserva os fondos e memoria de don Vicente; Nós é do Museo de Pontevedra, que fai outro tanto coa obra de Castelao e doutras xentes de Nós como o epígono principal, Filgueira Valverde. Nós é da Fundación Castelao, e da Losada Diéguez, co seu tesouro de cartas e libros en Moldes. Nós é da Fundación Otero Pedrayo, propietaria e custodia dun dos lugares simbólicos centrais da memoria histórica de Galicia, como é o Pazo de Trasalba. Nós é do Museo do Pobo Galego, co seu agarimo aos fondos de Xocas, Antón Fraguas, Taboada Chivite e á idea antropolóxica daqueles homes. Nós é do Instituto Padre Sarmiento, con todos os fondos do vello Seminario de Estudo Galegos. Nos é da Fundación Penzol que atesoura e xestiona os materiais de Otero Pedrayo, Paco del Riego e outros galeguistas. Nós é da Biblioteca da Deputación de Ourense, cos seus fondos de Ben Cho Shey e Eduardo Blanco Amor e da Biblioteca da Universidade compostelá, cos materiais de Casal. Nós é do Parlamento de Galicia, que acolle á parte da esencia do noso ser colectivo feito política, a obra dos irmáns Vilar Ponte e Carballo Calero. Nós é do Museo de Ourense que terma da memoria da Comisión de Monumentos e, especialmente de Florentino Cuevillas, o único que non ten fundación específica. Nós é do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, que garda tantos materiais dispersos desas xentes. Nós, por suposto, é da Real Academia Galega que a todos acolleu e agarimou. Nós é do Consello da Cultura Galega, organismo que nace coa autonomía para reflexionar e impulsar iniciativas sobre a cultura viva e a memoria do noso pasado. Nós é das Fundación Álvaro das Casas, Illa Couto, Blanco Amor, Antón Fraguas... 

En fin, Nós é de todos eses lugares, rúas, prazas, institutos, colexios que levan o nome dalgún deses protagonistas, e das persoas, institucións, claustros e concellos que impulsaron estas homenaxes. De todos os profesores que se esforzan en que os seus alumnos teñan unha culta identidade moderna e galega; dos equipos de potenciación do galego, das asociacións culturais do rural e do urbano, de colectivos sociais, institucións politicas, empresas de xestión cultural, das editoriais que publicaron ou publican na nosa lingua, empezando pola grande Galaxia e seguindo polas xa históricas Bibliofilos Gallegos, Monterrei, Edicións do Castro, Alvarellos todas relacionadas con xentes de Nós, e polas máis actuais, como Xerais de Galicia, Edicións do Cumio, Aira das Letras, Baia, Laiovento, Kalandraca ou calquera outra que combine os seu lexítimos intereses empresariais coa vontade de ser vía de expresión da nosa cultura actual. Tamén é Nós, claro, dos xornais que lles abriron as portas e foron moitas veces complemento económico das súas vidas. La Región, dicimos, dun xeito especialísimo, pero tamén o resto da prensa galega, El Correo Gallego, Faro de Vigo, La Voz de Galicia... E especialmente Nós é tamén dos medios de comunicación e cultura que usan o galego hoxe en día, a CRTVG, ou medios locais, Nós Diario, Praza Pública, Grial, A Trabe de Ouro, Murguía, Tempos Novos, Luzes...Todos no esforzo en pro da lingua de noso. 

Nós como fenómeno transversal de asunción colectiva, tipo Rexurdimento ou Rosalía de Castro, é de todos os que admiramos e invocamos a aqueles motores da nosa cultura. Nós é unha historia dunha ilusión cultural colectiva que nace nese 1920 e se prolonga ata a morte de todos e cada un dos que colaboraron nela; entrementres, os seus ecos avivecen os nosos tempos. De aí, o título da exposición “grande”, "Galicia, de Nós a nós2. Herdeiros de Nós, do soño de Nós, somos, pois, todos os habitantes da Galicia real de hoxe. Ser patrimonio común, é a súa máxima grandeza. 

Te puede interesar