sanidad

Nosa Señora do Cristal: 1969-2019

O 13 de agosto de 1969, segundo relatan as crónicas de entón, inaugurábase oficialmente a Residencia Sanitaria da Seguridade Social "Nosa Señora do Cristal", moderno centro hospitalario de 20.619 m2 de superfice, dotado con 200 camas e 5 quirófanos, e que contou cun investimento de 208 millóns de pesetas en infraestrutura, dotación e equipamento. A súa plantilla estaba composta por 33 médicos, 51 enfermeiras, 4 matronas, 23 auxiliares, 14 celadores, 2 cociñeiros e 7 pinches, entre outros.

Ao longo destes 50 anos foron milleiros os ourensás e ourensás que viron a luz por primeira vez nos seus paridoiros e outros tantos os que recibiron a derradeira atención nas súas dependencias. Foron centos de miles os que recobraron a súa saúde no hospital; centos de miles de persoas que acharon curación, coidado, alivio e consolo. E como non, foron e son tamén milleiros os profesionais que, ao longo destas 5 décadas, dedicaron o seu labor profesional a mellorar a saúde da nosa poboación desde diferentes responsabilidades e funcións.

Serva esta sinalada ocasión para render merecida homenaxe a todas aquilas e aquiles que teñen formado parte da historia da nosa querida Residencia, aos que están e aos que xa non, aos que crearon os basamentos do que hoxe somos e aos que hoxe perpetúan o seu labor e os seus valores. A todas e a todos, o maior dos recoñecementos e o maior dos agradecementos.

Te puede interesar