entrevista

Núñez Seixas: "Do franquismo quedan trazos como a preferencia por executivos fortes"

O historiador ourensano Xosé Manoel Núñez Seixas.
photo_camera O historiador ourensano Xosé Manoel Núñez Seixas.
O ourensano Xosé Manoel Núñez Seixas gañou o premio Nacional de Ensayo por "Suspiros de España. El nacionalismo español 1908-2018"

A chamada para comunicarlle que acababa de gañar o Premio Nacional de Ensayo 2019 colleu ao ourensano Xosé Manoel Núñez Seixas mergullado no traballo. "Foi unha sorpresa agradable", admite o catedrático de Historia Contemporánea da USC mentres vai despachando entrevistas. "Os historiadores estudamos aos mortos e pregúntanos polos vivos ou polos que van nacer", bromea.

O tema do seu libro “Suspiros de España. El nacionalismo español 1808-2018" é acaído para o premio pola situación actual. 

Si, pero un nunca sabe, os premios nin se piden nin se agardan, recíbense e dáselles a benvida. É certo que o tema é de grande actualidade, o libro saíu hai un ano e dende aquela segue de actualidade, pero tamén había outros ensaios que terían merecido o premio. Non o agardaba, pero tampouco me sorprende que un tema así suscite atención.

Fixo o "procés" espertar o nacionalismo español, que chama "nacionalismo de Estado?"

O nacionalismo de Estado xa estaba aí, pero tiña manifestacións caracterizadas polos seus altibaixos. Cando pasou o do "plan Ibarretxe" houbo manifestacións bastante contundentes, tamén houbo outras de tipo máis banal que se puxeron en evidencia cos trunfos deportivos de hai uns anos. Obviamente o "procés", ademais de dar lugar a unha reactivación dos símbolos, a unha sorte de reafirmación patriótica de moitos españois, tamén en Cataluña, si xerou, e isto é algo novo, unha polarización: o reforzamento do carácter excluínte dalgunhas tendencias do nacionalismo español, que ten a súa manifestación máis evidente no partido de dereita radical que é Vox. 

Sostén que o nacionalismo español ou de Estado non é de dereitas nin de esquerdas.  Foi apropiado pola dereita ou abandonado pola esquerda?

A dereita sempre se sente máis cómoda nos discursos comunitarios porque por natureza eses discursos son interclasistas. Pero o nacionalismo español entendido como lealdade, como identificación coa identidade española ou a idea de España como nación é algo que existe dende as Cortes de Cádiz, senón dende antes. Esa idea sofre mutacións tanto á dereita como á esquerda. Dende o franquismo, a hipertrofia do nacionalismo español e dos seus símbolos por parte do réxime creou un problema de lexitimación da compoñente patriótica do discurso da esquerda, que existe pero que sempre ten problema para manifestarse e que ten grandes reticencias  para adoptar os símbolos oficiais.

Sorpréndelle que agora as forzas estais, incluso da esquerda, compitan polo tamaño da bandeira ou polo termo España? 

O PSOE fixo varios tentos ao longo da súa historia, sobre todo cando está no Goberno. Na campaña electoral do 82 fixo bastante ostentación do que se deu en chamar a bandeira constitucional. Pero nas bases da esquerda normalmente nunca se sentiron cómodas con eses símbolos. Adoita ser unha iniciativa dende arriba que non sembre ten eco dende a base. 

Impartiu clase en Alemania cinco anos. Preguntábanlle moito por Cataluña? 

Durante un tempo si, o que pasa e que o nivel de protagonismo do tema catalán baixou bastante en comparación co "brexit" ou coas situacións de Chile e Turquía. Sigo a prensa alemana e a repercusión, dendo o meu punto de vista é media, aínda que en momentos puntuais como o 1 de outubro foi alta.

É un tema difícil de explicar? 

Hai moitas cousas difíciles de explicar. Atopeime con xente que non entendía que os cataláns se queiran ir se España é unha democracia consolidada, pero tampouco se entende a reticencia do Goberno español a buscar unha solución dialogada. A comparanza con Canadá e con Gran Bretaña é moi desfavorable para o Goberno ou para o nacionalismo español, se queres. Sorprenden as dúas actitudes.  

Tamén custaría explicar que tardásemos 44 anos en sacar a Franco do Valle de los Caídos.   

Si, iso é o máis incomprensible de todo. Fóra non o entenden, consideran que é unha anomalía insostible nun sistema democrático tanto tempo despois. As tumbas dos ditadores adoitan ser un problema. Agora en Portugal hai o debate sobre que facer co proxecto de museo Salazar, pero un mausoleo xigantesco era cando menos case un insulto ou unha labazada á democracia e asos valores fundamentais da convivencia. Logo virán as discusións sobre que facer co Val dos Caídos ou co Pazo de Meirás. 

A imaxe dos 300 nostálxicos na porta axústase ao que queda? 

Creo que o franquismo sociolóxico é algo máis. Maniféstase en parte, non de todo, no fenómeno Vox, pero tamén é certo que o feito de que Abascal é o partido mantivesen un perfil relativamente baixo nas súas reaccións, non se sumaran á concentración e continúen utilizando a bandeira constitucional e non "a do aguilucho", tamén demostra que é un fenónemo un pouco máis complexo do que é a extrema dereita con saúdade do franquismo. O que queda do franquismo vai por aí, quedan trazos na nosa cultura política como a preferencia por Executivos fortes e a reticencia ante gobernos de coalición. 

Recórdalle a situación actual a algún momento da historia? 

Supoño que hai quen a quere comparar co 98, dende logo eu non faría un paralelismo coa Segunda República porque a situación económica é diferente, a polarización social era moito maior, con milicias armadas na rúas e mortos, como pasou en Ourense na primaveira do 36. A comparanza é excesiva, pero hai que ver se estamos nun momento de crise do sistema político herdado da Constitución do 78 ou nun de reaxuste profundo. Está por ver. O vello aínda non morreu e o novo non acaba de nacer. 

Pode acadar algunha vez o nacionalismo galego a forza do catalán ou vasco? 

Tería que pasar algo, non sei que, unha diversificación e cambio de oferta e algún tipo de cambio social na base. Máis non me atrevo aventurar.

Te puede interesar